Noticias

Novo impulso da Deputación de Pontevedra ás actuacións nas estradas provinciais de Forcarei

O convenio para o proxecto de mobilidade en Soutelo de Montes que transformará toda a zona urbana, xa foi remitido ao concello e está a piques de iniciarse a pavimentación das estradas Cachafeiro-Silleda e Soutelo-Covas


22 febreiro 2021
Obras en Forcarei

A Deputación de Pontevedra acaba de dar un novo impulso ás actuacións de mellora e conservación nas estradas provinciais ao seu paso polo concello de Forcarei que, sumadas ás obras emprendidas desde 2018 para corrixir deficiencias acumuladas pola insuficiente atención prestada nas últimas décadas, suporán un investimento total de máis de dous millóns de euros. É a maior aposta da Deputación de Pontevedra neste concello en toda a súa historia que permite cumprir con reivindicacións históricas do municipio e que nunca foron atendidas.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, presentou o programa despois de manter varias xuntanzas coa alcaldesa, Verónica Pichel, e os servizos técnicos da Deputación, analizando as necesidades e programando as actuacións en función dos trámites de licitación en marcha e das dispoñibilidades das distintas brigadas. Agís explicou que Forcarei ten a singularidade de contar con seis estradas provinciais que transcorren integramente polo seu territorio, pero hai varias que comunican tamén con concellos limítrofes. Algunhas delas están entre as máis longas da rede provincial, polo que o municipio acumula máis de 60 quilómetros. A meirande parte conta cunhas intensidades de tráfico reducidas e todo iso, unido ao abandono do pasado, fixo necesaria esta completa programación. O deputado remarcou que acordouse abordar, en primeiro lugar, as obras de mellora da seguridade peonil nos núcleos de poboación.

No capítulo de obras de mellora da seguridade son cinco os viarios afectados polo cronograma, cun investimento acumulado de 550.000 euros. Está a piques de comezar, cun orzamento de 53.000 €, a obra de balizamento na EP-7001 A Estrada-Forcarei, ao longo da totalidade do seu trazado de 22 Km. Esta obra vense a sumar ás catro xa rematadas desde o ano 2018. En concreto, a mellora da seguridade viaria no p. q. 20+700 na EP-7001 A Estrada Forcarei (54.000 € investidos), mellora da drenaxe en varios puntos da EP-7203 Soutelo-Covas (60.000 €), reposición de firme na EP 7201 Cachafeiro-Silleda (335.000 €) e as melloras da seguridade viaria na EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo e na EP-7204 Soutelo-Ratel (48.000 €).

Por outra banda, a Deputación e o Concello de Forcarei están avanzando no convenio para a mellora da mobilidade peonil entre o quilómetro cero e o p. q. 0+380 na EP-7203, en Soutelo de Montes. De feito, o documento xa foi remitido ao Concello para a súa revisión. As obras están orzamentadas en 229.271 euros e permitirán unha completa transformación desta zona urbana, moi transitada, que conecta coa Igrexa e cos núcleos da Madalena e Sanguiñedo, respondendo así ás necesidades presentadas polo municipio, en sintonía coas demandas veciñais.

En conservación ordinaria de firmes, Forcarei absorbe un orzamento total de 686.434 €, dos que 202.575 corresponden a dúas obras que comezarán en breve e que xa están adxudicadas. Trátase da pavimentación da EP-7201 Cachafeiro-Silleda, cun orzamento de 109.488 euros, e da pavimentación da estrada EP-7203 Soutelo Covas, cun orzamento de 93.085 euros. A continuación, unha vez resolta a adxudicación, efectuarase a pavimentación doutros 9,8 quilómetros na EP-7203 Soutelo-Covas, 9,5 quilómetros da EP-7204 Soutelo-Ratel, 4,5 quilómetros na EP-7206 Vilapouca-San Miguel e de 7,6 quilómetros na EP-7106 Folgoso-Forcarei. Estas actuacións súmanse aos traballos xa executados nos dous últimos anos nas estradas Pereira-Aciveiro (ramal do convento), EP-7001 Estrada Forcarei, EP-7016 A Estrada-Vinseiro-As Casetas e EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo.

A programación provincial inclúe outros 381.512 euros para obras de pintura (41.065 euros), rozado das beiras (case 100.000 euros) e reapertura de cunetas (240.525 euros). Por estradas destacan os investimentos previstos para as estradas Forcarei-Silleda e A Estrada Forcarei, ao tratarse de dúas vías que superan os 20 Km de trazado total. Os servizos provinciais tamén actuaron, cun investimento de 70.000 €, no revestimento de formigón dun total de 13 tramos de cunetas nas estradas Vinseiro-As Casetas, Soutelo-Covas e a Estrada-Forcarei, ao estimar como necesaria esta medida para un correcto funcionamento da drenaxe das augas pluviais.

Outro apartado, dotado con 105.000 €, ten que ver coa seguridade viaria coa instalación de elementos redutores de velocidade, sinalización vertical e atención a incidencias. Este apartado inclúe a colocación de 12 redutores nas estradas provinciais e a substitución de decenas de sinais.

Finalmente, a Deputación disporá en breve dun diagnóstico sobre o estado da ponte sobre o río Umia, na parroquia de Meavía, no marco do contrato que acaba de adxudicar para a comprobación de todos os viadutos da provincia incluídos nas estradas provinciais, cun orzamento de 218.000 €. Neste diagnóstico fixaranse as actuacións a realizar nesta ponte, cunha ficha propia e individualizada. A estrutura xa foi obxecto dunha recente obra de emerxencia.

Fotos