Noticias

A Deputación inaugura este mércores "por todo o alto" a nova sala de exposicións "Maruja Mallo" na sede provincial en Vigo

O evento, no que se darán cita representantes do tecido cultural, social e da igualdade da cidade, porá en valor a visibilización das mulleres da fotografía e da cultura en xeral e combinará arte, iluminación e música


02 novembro 2021
Muller x muller

A Deputación inaugurará este mércores, 3 de novembro, ás 19 horas, a nova sala de exposicións "Maruja Mallo" na súa sede da rúa Chao en Vigo. Será un gran acto de enxalzamento da cultura que contará coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, e do alcalde, Abel Caballero, e no que se darán cita representantes do tecido cultural, social e da igualdade da cidade. O novo espazo expositivo será inaugurado coa mostra de fotografía "Muller x muller", nun evento que contará con música clásica en directo e cunha vangardista iluminación e decoración, creada expresamente para este acto no que se porá o aceno nas mulleres, visibilizando o grande talento feminino que aínda sigue estando silenciado.

A nova sala de exposicións da sede da Deputación en Vigo levará o nome de Maruja Mallo, a grande artista, pioneira e vangardista, que situou á cidade e a provincia de Pontevedra como un lugar de referencia, seguindo a estela iniciada polo goberno provincial en todas as salas da sede viguesa que levan nomes de grandes mulleres viguesas e galegas.

Deste xeito, a primeira gran exposición da nova sala será "Muller x muller", mostra fotográfica con obras de Karen Knorr, Sue Packer, Susan Meiselas, Graciela Iturbide e Cristina García Rodeiro, cinco grandes referentes da fotografía contemporánea internacional que presentan o universo feminino representando ás mulleres como protagonistas. As pezas, que se poderán visitar desde este mércores ata fin de ano, forman parte da colección "Vigovisións", dos fondos municipais depositados no MARCO, recollendo tamén deste xeito a testemuña do importante vínculo que existe historicamente entre Vigo e a fotografía.

Segue o evento en directo en www.depo.gal