Noticias

O auditorio da Fortaleza de Goián acolle este sábado un grande evento para presentar o Parque da Amizade e a nova ponte peonil que unirá Tomiño e Cerveira

Asistirán autoridades estatais, autonómicas e locais de ambas as beiras e proxectarase un vídeo que inclúe unha simulación 3D do viaduto sobre o río


24 maio 2021

O auditorio da Fortaleza de Goián en Tomiño acollerá este sábado un grande evento para a presentación institucional do Parque da Amizade e da nova ponte peonil que unirá Tomiño e Cerveira. Ao acto asistirán diferentes autoridades estatais, autonómicas e locais tanto españolas como portuguesas, ás que se lles dará a coñecer a singularidade do que será un dos primeiros centros de lecer transfronteirizos de Europa e o primeiro Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal como  un espazo verdadeiramente europeo sen fronteiras.

Ambos proxectos contan con financiamento europeo, con cargo á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2014-2020, e serán presentados polo deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o presidente de cámara de Cerveira, Fernando Nogueira, e polos representantes dos Burgos¬Garrido e Bernabeu Enxeñeiros.

As autoridades da parte portuguesa chegarán ao auditorio de Goián en barco desde a parte lusa para ás 12:15 horas comezar a presentación, na que se incluirá a proxección nunha pantalla de grandes dimensións dun vídeo ilustrativo dos obxectivos do parque. Na peza incluirase unha recreación 3D de como será a nova ponte peonil e ciclable que permitirá que o parque transfronteirizo sexa unha realidade.

Para o deputado Uxío Benítez o parque e a ponte constituirán un elemento dinamizador de crucial importancia material e simbólica nun territorio como é o transfronteirizo do rio Miño, dobremente impactado pola actual pandemia COVID-19, dado o seu carácter dependente dos fluxos socioeconómicos entre ambos países, que se teñen visto gravemente alterados polas restricións á mobilidade transfronteiriza.