Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica unha nova parcela do polígono de Barro á empresa Frutas Moncho

O Goberno provincial tamén aprobou a terceira addenda do convenio coa EOI para o desenvolvemento da sexta edición do coworking


16 outubro 2020
Xunta de Goberno 16/10/2020

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno a adxudicación dunha nova parcela do polígono de Barro, concretamente a A-19 á empresa Frutas Moncho, S. L., que xa contaba con outro espazo no recinto. A parcela, a quinta vendida no que vai de ano no polígono, conta cunha superficie de 2.279 metros cadrados e o prezo de venda ascende a máis de 273.000 euros.

En febreiro, xa foron adxudicadas 4 parcelas, cunha superficie total de 17.851,77 m2, ás empresas Mafari Café e Panaderías Acuña. Deste xeito, o polígono de Barro conta a día de hoxe con 49 parcelas ocupadas ou reservadas das 76 que ten a instalación da Deputación de Pontevedra. No que respecta aos espazos ocupados, o parque conta actualmente coa presenza de 20 empresas: Frutas Moncho, Distribucións Froiz, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalén, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Transfrío Rías Baixas S. L., Artesa Rías Baixas, Estación de Servizo Low Cost, Mafari Café e Panaderías Acuña.

VI edición coworking de Barro

En relación a Barro, o Goberno provincial tamén aprobou hoxe a terceira addenda do convenio coa Escola de Organización Industrial para o desenvolvemento do coworking, a fin de levar a cabo a sexta edición deste programa de formación e titorización, que novamente será en liña por mor da pandemia. En concreto, o VI coworking, para o que se pode solicitar praza na web da Deputación, estenderase ata a primavera de 2021 e dará cabida a 20 proxectos emprendedores da provincia en fase temperá de desenvolvemento ou creados recentemente. Neste eido, as iniciativas deben estar enmarcadas na dixitalización, a transición cara unha economía sustentable, aposta polo I+D+i e as novas tecnoloxías.