Noticias

Nova convocatoria para parques forestais na provincia que poderá chegar ata os catro millóns de euros

O vicepresidente Mosquera destaca que "non se escatimarán esforzos" para "ordenar, poñer en valor e potenciar a resistencia aos lumes dos montes da provincia"


07 decembro 2017
O vicepresidente Mosquera

A Deputación de Pontevedra aprobará este luns en Xunta de Goberno unha nova convocatoria de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes da provincia mediante a creación de parques forestais. Segundo hoxe anunciou o vicepresidente César Mosquera "non se escatimarán esforzos" económicos: inicialmente haberá un orzamento de 1.500.000 euros que será ampliable ata catro millóns de euros de haber solicitudes.

O vicepresidente Mosquera destacou que a Deputación, logo de producirse a última vaga de lumes, recibiu moitas solicitudes verbais de potenciar esta liña de axudas a montes, polo que se puxo en marcha a tramitación para a convocatoria. "Temos que mellorar e cambiar o carácter do monte da provincia. Xerar actuacións para ordenar, poñer en valor e potenciar a resistencia ao lume: que non prenda e que se prende non se estenda. Non imos escatimar esforzos porque o estado dos nosos montes é o peor problema ambiental de Galiza e en particular das Rías Baixas, por ser unha zona moi densa de habitantes, polos lumes, e polo desorde, que vai a peor", insistiu o nacionalista.

Mosquera lembrou que no anterior plan foran 10 concellos os beneficiados polas axudas, coa presentación de 16 peticións para redacción de proxectos e sete para a creación práctica dos parques. As bases da nova liña de axudas terán pequenas modificacións con respecto ás anteriores: reduciranse os trámites burocráticos para as cesións dos terreos por parte das comunidades de montes aos concellos, e reducirase ata 30 hectáreas a extensión mínima na que crear os parques forestais. "Entendemos que esta redución non permite actuar en zonas verdes ou buscar a creación de parques infantís, o que non é o obxecto que pretendiamos, senón que permite actuar en áreas interesantes que teñen potencialidades como monte aínda sendo menores en tamaño que as 50 hectáreas que se pedían antes", subliñou o vicepresidente.

En canto ao financiamento, Mosquera destacou que a contía será "moito máis xenerosa" que na primeira convocatoria. De feito, a liña de subvencións terá 1,5 millóns de euros de inicio, co compromiso de que se hai solicitudes ampliarase ata os tres ou catro millóns de euros ao incorporar os remanentes de crédito deste ano ao orzamento de 2018. "Este ten que ser un paso decisivo. Está en marcha con ambición todo o que puxemos e anunciamos a raíz dos lumes: o traballo coa Universidade de Vigo, a modificación para permitir usar os fondos do Plan Concellos –que se aprobará este mes en pleno– e o noso compromiso de aportar fondos para este proxecto de parques", subliñou o nacionalista.

O prazo para que os concellos presenten solicitudes será de dous meses logo de publicarse no Boletín Oficial da Provincia. Mosquera mostrouse confiado de que logo da urxencia da primeira convocatoria, que deixou a moitos gobernos locais fóra por non cumprir os requirimentos, agora se presenten "moitas peticións" que sexan "solventes e ben traballadas".

Proxectos e actuacións da primeira convocatoria

Na pasada convocatoria (aprobada en outubro) concedéranse axudas ao Concello de Arbo 11.616 euros para o proxecto do parque de Serra de San Fins, e outros 4.791 euros para o proxecto do parque de San Miguel; o Concello de Cangas recibiu 4.800 euros para cada un dos proxectos dos parques de Varalonga, Massó-Limens e Carballeira; o Concello de Cerdedo-Cotobade recibiu 18.912 euros para o parque de Tomonde e 5.760 euros para o parque de Coirego; o Concello de Forcarei recibiu 6.360 para o proxecto de Fixó-Portela; o Concello de Fornelos recibiu 5.808 euros para o proxecto do parque de Freaza; o Concello de Mondariz recibiu 9.583 euros para o proxecto de montes de Gargamala e 6.360 euros para o de monte da Lagoa; o Concello das Neves 9.600 euros para o proxecto da Serra de San Fins; o Concello de Oia 13.552 euros para o proxecto de serra de Groba e costa de Oia; o Concello de Ponteareas 9.292,8 para o proxecto do parque Picaraña, e 7.478,4 para o parque de Seixiforna-Viveiro; e, por último, o Concello de Vilaboa recibiu 6.360 euros para o proxecto do Miradoiro de Cotorredondo.

Estas axudas para o deseño dos parques foron completadas pola liña 2 do plan, que sumaba subvencións por 314.092,87 euros, sendo o reparto do seguinte xeito: Concello de Forcarei, 47.700 euros para o parque Fixó-Portela; Fornelos de Montes 42.556,3 para o parque de Freaza; Mondariz 47.700 para o parque de monte da Lagoa, e 45.900 para crear o parque ‘Viveiro da Franqueira' –en base a un proxecto que o Concello xa tiña redactado con anterioridade–; Ponteareas 54.001 euros para o parque da Picaraña, e 28.535,57 euros para o parque ‘San Cibrán-Muíños-Couso', do que tamén existía proxecto de execución municipal; e Vilaboa, por último, 47.700 euros para o parque Miradoiro de Cotorredondo.