Noticias

Nova campaña para a adquisición de xoguetes non sexistas e non violentos "Se non xoga non é un xogo. #RegalaIgualdade"

O spot, con difusión en medios estatais e nas canles de comunicación da Deputación de Pontevedra, reivindica que "o único que marca as diferenzas de xénero son os prexuízos"


15 decembro 2017
Presentación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en rolda de prensa a terceira campaña da institución provincial, coincidindo coa campaña de compras de Nadal, para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos, que este ano leva por nome "Se non xoga non é un xogo. #RegalaIgualdade". Como explicou Carmela Silva, este ano "a nosa aposta é un spot, elaborado con medios propios da institución provincial, do que imos facer unha grande campaña de difusión, aproveitándonos das nosas canles de comunicación e de todos os novos instrumentos que nos permitirán", sinalou, "chegar a unha porcentaxe da sociedade moito maior, ademais de nos medios de comunicación tradicionais de todo o Estado".

Carmela Silva asegurou que "somos unha administración referente nas cuestións que buscan rachar cos estereotipos de xénero". "Desde que nacemos, ás mulleres edúcanos en que somos distintas e que facemos outras cousas distintas ás que fan os homes", afirmou a presidenta provincial, de xeito que "desde a máis tenra idade vanos estereotipando, dinos con que xoguetes temos que xogar e asegúrannos que somos princesas, temos que facer as cousas do fogar, a crianza…" Polo tanto, "como é fundamental educar desde o berce ás nenas e aos nenos en igualdade", declarou Carmela Silva, "este é o terceiro ano que facemos esta campaña. Moi poucas administracións o fan e tanto foi así que o ano pasado fomos referencia e un exemplo a seguir nos medios de comunicación estatais".

Na campaña "Se non xoga non é un xogo. #RegalaIgualdade" a Deputación de Pontevedra "dirixímonos persoalmente ás nenas e aos nenos e preguntámoslles o que queren ser de maiores". Deste xeito, o vídeo amosa alcaldesas, enfermeiros, canteiras, auxiliares de voo, bombeiras, modistos, arquitectas, bailaríns, informáticas, coidadores ou mulleres astronautas, co obxectivo de "amosar que o único que marca a diferenza é algo que non existe en realidade, que é só froito dos prexuízos, e que poden ser o que elas e eles queiran ser, sexan mulleres ou sexan homes", indicou.

Con esta campaña, a Deputación de Pontevedra quere "concienciar á sociedade sobre que cando escollemos os xoguetes estamos a facer algo moi importante. A sociedade ten unha enorme responsabilidade xa que dependendo dos xoguetes e xogos que promovamos apostamos pola igualdade ou pola desigualdade", sinalou Carmela Silva e, por iso, "pedímoslle á sociedade pontevedresa que regale igualdade, o mellor que se lle pode facer a un rapaz ou a unha rapaza". "Se non se xoga en igualdade, ás rapazas e ás nenas estamos marcándolles os estereotipos desde que nacen", denunciou a presidenta da Deputación de Pontevedra e, por iso, no vídeo a rapaza vai desaparecendo "sendo comida por todos eses xoguetes que a estereotipan".

A presidenta provincial sinalou que, ademais disto, tamén é un obxectivo da campaña "amosar a responsabilidade que debe ter a sociedade á hora de facer unha boa elección na adquisición dun xoguete". "Os xoguetes teñen que dar resposta ás necesidades de quen vai xogar e interactuar con eles, pero tamén teñen que ser atractivos e divertidos e estimular a súa curiosidade para desenvolver a súa imaxinación e creatividade", asegurou Carmela Silva.

Carmela Silva sinalou que "temos que ter claro que non hai nin xoguetes de nenas nin xoguetes de nenos, iso é creado por unha sociedade que promove a desigualdade, polo que temos que respectar os gustos das crianzas independentemente dos mandatos de xénero que están tan arraigados na sociedade". A través dos xoguetes os nenos e nenas non soamente se divirten senón que "imaxinan o seu futuro. Se poñemos ás nenas rodeadas de cociñas e aos nenos bicicletas, traxes de bombeiros ou arquitectos dirixímoslles cara a onde teñen que dirixir a súa actividade cando sexan adultas e adultos".

Con esta campaña a Deputación de Pontevedra pretende contribuír a "desterrar os estereotipos sexistas que se transmiten desde a publicidade e a sociedade". Deste xeito, a institución provincial ten como obxectivo "cambiar as mensaxes que se transmiten socialmente para que se correspondan co mundo profesional e que os xoguetes para nenas deixen de estar enfocados aos coidados, á beleza ou ás tarefas do fogar, mentres que os dos nenos o están ao deporte, á ciencia, á acción ou á competición", isto é, "romper os estereotipos de xénero ao #RegalarIgualdade", indicou a presidenta provincial.

A presidenta provincial tamén anunciou que "nestes momentos estamos deseñando un catálogo de actividades cos que lle queremos dar continuidade a esta campaña e que non sexa noticia dun día nin o tempo que transcorra a campaña de difusión, senón que queremos transmitir esta mensaxe ao longo de todo o ano".

Este é o terceiro ano consecutivo no que a Deputación de Pontevedra pon en marcha unha campaña de sensibilización durante o Nadal para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos. No Nadal do ano 2015, a institución provincial presentou un decálogo para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos e un recortable que foi distribuído con 2.500 exemplares nos centros escolares grazas á colaboración da Federación provincial de ANPAS, e que incluía un recortable cun neno e unha nena que se podían vestir con roupas non diferenciadas por motivo de xénero. O seguinte ano, en 2016, o escollido para esta campaña foi un "comecocos" tradicional co nome de "Xogamos? Comámonos un pouco o coco. A diferenza non a marques ti" que foi distribuído a través dos medios de comunicación impresos.

Vídeos