Noticias

No Día Internacional das Mulleres Rurais a Deputación abre este luns as inscricións para "A muller no sector lácteo", xornada da Escola de Igualdade María Vinyals

As e os profesionais da industria abordarán nas súas intervencións as oportunidades de negocio na industria do leite e a importancia da figura feminina no mundo rural


14 outubro 2018
Escola de Igualdade María Vinyals

A Deputación de Pontevedra, a través da Escola de Igualdade María Vinyals, manterá aberto desde este luns, Día Internacional das Mulleres Rurais, ata o 22 de outubro o prazo de inscrición para a xornada "A muller no sector lácteo" que realizarase o vindeiro sábado, 27 de outubro, na Casa da Cultura do Concello de Silleda. Poderán participar as mulleres relacionadas profesionalmente co sector ou o resto de persoas interesadas mediante un formulario que poderán atopar desde este luns na páxina web da Deputación ata esgotar as prazas.

Con esta xornada preténdese poñer o foco, desde unha perspectiva feminista, nun sector tan importante como o lácteo para deixar patente o alto nivel de participación, implicación e importancia do papel da muller dentro deste sector. Para iso, en Silleda analizarase a industria láctea desde as novas oportunidades de negocio, desde un mellor coñecemento da parte máis tradicional do sector, da venda de leite e, tamén, promoverase que as mulleres tomen o protagonismo que lles corresponde dentro do sector lácteo en particular e do rural en xeral. Así mesmo, abordaranse non só os seus retos presentes e futuros, senón que tamén se presentarán iniciativas innovadoras con mulleres á fronte.

A xornada comezará ás 10:00 horas coa apertura a cargo da presidenta Carmela Silva e a conferencia da presidenta de Fademur, Rosa Arcos Caamaño, sobre as "Mulleres ocupando os espazos, tamén no ámbito rural". Posteriormente, terá lugar a mesa redonda "Novas iniciativas no sector lácteo", na que participarán tres emprendedoras galegas: Marta Álvarez Quinteiro, Susana Aguiar Carral e Tania Aira Torre. Ás 12:30 horas proxectarase un vídeo en homenaxe ás mulleres rurais e, ao rematar, seguirase con outra mesa redonda sobre "Os retos do sector lácteo" a cargo de profesionais do mesmo: Teresa Míguez García (gandeira), Ana María Rodríguez Grande (directora de mercadotecnia CapsaFoods), Anabel Pigueiras Rolle (profesional da distribución de lácteos) e Roberto García González (representante de Unións Agrarias-UPA). Xa pola tarde e a partir das 16.3o horas realizarase un obradoiro de Percuterapia. Posteriormente, farase a exposición das conclusións e ás 19:00 horas clausurarase a xornada.

Esta iniciativa, impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals, desenvólvese con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais que terá lugar o 15 de outubro. Así, esta xornada é a terceira acción impulsada polo Servizo de Igualdade da Deputación para poñer en valor as figuras femininas que traballan neste sector. A primeira delas, "Visibilización e empoderamento das mulleres no mundo rural", desenvolveuse no 2016 en Pontevedra mentres que, a segunda, tivo lugar en Cambados no 2017 e tivo como asunto central "A experiencia das mulleres no mundo do viño".