Noticias

Nigrán recibirá este ano preto dun millón de euros do Plan Concellos da Deputación, un 2,36 % máis de recursos que o ano pasado

En 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva destinou en total a este municipio máis de dous millóns de euros


16 xaneiro 2017
Nigrán

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano un 2,36 % máis de recursos ao Concello de Nigrán no marco do Plan Concellos 2017. Deste xeito, este municipio da comarca viguesa recibirá un total de 970.010,12 €, 22.386,51 euros máis que en 2016, ano no que xa rexistrou un 36 % de incremento respecto do 2015 (o que se traduciu en 249.857,41 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Nigrán recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Nigrán un total de 2.043.753,28 euros, dos cales 947.623,61 € correspondéronse co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 355.106,02 € en mobilidade, 91.409,67 € en cohesión social e xuventude, 41.722,11 € en cultura e lingua, 109.051,68 € para o fomento do emprego, 55.134 € para o impulso do deporte e outros 8.791,75 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 699.346,22 € para a rehabilitación da escola, do parque e da zona deportiva en Priegue; a creación dun parque na rúa Ana Isabel Costas, en San Pedro; a creación dun espazo público na rúa San Roque, en Camos; a creación do parque mestre Xosé Vázquez Grela, en Nigrán; a humanización do torreiro, en Parada; a pavimentación de varias vías; a renovación da iluminación pública en Chandebrito; o mobiliario urbano na alameda de San Campio; o parque biosaudable en Chandebrito e o parque infantil de San Roque, en Camos. Ademais, recibiu 35.062,08 €, na liña 3, que foron destinados a actividades culturais e de lecer: Carreira Nigrán Area, Festival Nigrán Jazz X Aniversario, Nadal Cultural, Entroido 2016, Festa de San Fiz 2016, Campionato Mundial de Birlos de xullo de 2016, Outono Cultural, Verán en Nigrán, campamentos de verán de 2016, guías de sendeiros e illas Estelas, II Trail e BTT Nigrán, memoria histórica "Volta dos nove" e o programa de cultura urbana "Nigrán deportes urbanos: parkour. skateboard e orientación".

Grazas á liña 4 creáronse 29 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 213.215,31 €. Nigrán tamén recibiu 344.679,41 € en préstamos sen xuros, 5.177,57 euros para o plan de equipamentos deportivos, 58.390,80 € para o II Plan de Emprego e 13.333,33 € para o convenio destinado a poñer en valor a fonte da Praia América (sendeiros azuis). Á marxe do Plan Concellos 2016, Nigrán recibiu 41.722,11 € para o fomento da cultura e a lingua, con 75 actuacións do Pontegal, así como axudas á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e as axudas á dinamización lingüística.

Tamén se destinaron 91.409,67 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con 5 usuarios e usuarias) ou ben mediante os programas "En ruta coa Depo", "Depotermal", "Depo en marcha", "Tecendo lazos", "Depo Rúarte" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 35 nenas e nenos do concello. Houbo, ademais, un curso de inglés.

Do mesmo xeito, Nigrán recibiu 55.134,00 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra e diversas actividades deportivas, así como 109.051,68 € para o fomento do emprego a través dos plans de práctica laboral, que permiten que catro persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Nigrán e outras sete en diversas empresas e entidades. Tamén se achegaron 8.791,75 € para o fomento da igualdade a través do programa "Conectadas 2016" e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista e outros 355.106,02 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.