Noticias

Nieves Rodríguez leva este xoves a Vilagarcía de Arousa a súa Metamorfose para pelexar contra o machismo grazas ao programa da Deputación "Violencia zero"

Ata medio millar de nenas e nenos de centros escolares de Vilagarcía de Arousa asistirán á actuación da actriz e comunicadora Nieves Rodríguez


24 outubro 2018
Mulleres en Acción. Violencia Zero

O deputado provincial Carlos Font, en representación da presidenta Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e concelleiras do goberno municipal, asistirán mañá no Auditorio Municipal, ás 11.30 horas, a unha nova intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero". O programa da Deputación, no que tamén participarán ata 500 nenas e nenos de centros escolares da vila, é unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica será protagonizada pola actriz e comunicadora Nieves Rodríguez, que exerce a súa carreira nos medios de comunicación desde fai 25 anos, tanto dentro como fóra de Galicia. A representación da artista ten o obxectivo de facer visible a metamorfose que sofre unha muller por mor dos micromachismos, comportamentos abusivos e continuados por parte de quen os exerce cara ás mulleres, invisibilizados e naturalizados na sociedade e que teñen como finalidade conservar a súa posición de xénero.

Da actuación de Nieves Rodríguez poderán gozar arredor de 500 nenas e nenos do Colexio Sagrada Familia, Centro de Educación Especial Vilagarcía, IES Castro Alobre, IES Miguel Ángel González Estévez, IES Fermín Bouza Brey, IES Armando Cotarelo Valledor e o Colexio San Francisco.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).