Noticias

"Musigal" enche de música esta fin de semana cos concertos de Baiuca, Sés e Pelepau

O programa da Deputación, leva a Sés este venres a Meis e a Baiuca a San Salvador de Poio e o sábado Pelepau actuará en Lalín


08 xullo 2021

"Musigal", o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando esta fin de semana a música galega e en galego por toda a xeografía da provincia de Pontevedra con tres novos concertos que comezan este venres en Poio e Meis. O Parque Ankar de San Salvador de Poio acollerá a actuación de Baiuca, ás 22 h e, paralelamente, terá lugar o concerto de Sés na praza de España de Mosteiro, en Meis. Pola súa banda, o sábado, ás 20 h Pelepau actuará na praza da Igrexa de Lalín.

Sés é o fenómeno musical dos últimos anos da escena galega. En só 9 anos editou 7 discos, chegando a situarse 2 deles entre os máis vendidos do Estado. Desde 2011, Sés non deixou de medrar nos escenarios nacionais e internacionais grazas a súa proposta que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana.

Baiuca é o proxecto do músico pontevedrés Alex Casanova que suma ao folclore galego ritmos electrónicos para reinterpretar a música popular do cancioneiro galego desde un enfoque distinto. As pezas de Baiuca, que xa traspasaron as fronteiras nacionais, sitúan no seu centro voces femininas e percusións da música tradicional

Formado por 11 percursionistas galegos, Pelepau nace en 2010 en Vigo para crear unha proposta que transmite e conserva a cultura. Entre os seus espectáculos interactivos podemos atopar actuacións de escenario, pasacalles e obradoiros de percusión.

A Deputación ten pechados ata agora máis de 50 concertos, 21 deles neste mes de xullo. Ademais dos realizados xa en Tomiño e Valga e os tres desta semana, este mes haberá concertos de "Musigal" 2021 en Salceda de Caselas, Bueu, Meaño, Covelo, O Rosal, Vilanova de Arousa, Barro, Soutomaior, Redondela, O Grove, Sanxenxo, Moraña, Cambados, Rodeiro, Catoira e Moaña.

"Musigal" 2021 ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia.