Noticias

"Musigal" 2021 arranca este venres coa actuación de Andrea Pousa en Tui

A cantante tomiñense porá voz á primeira actuación deste ano do programa da Deputación de Pontevedra, que terá lugar no Teatro Municipal de Tui, ás 20 horas


08 abril 2021
Musigal Tui

O Teatro Municipal de Tui é o lugar elixido para dar comezo a unha nova edición de "Musigal", o programa da Deputación de Pontevedra que contribúe á difusión e promoción da música galega e en galego. Será este venres, ás 20 horas, cando a cantante tomiñense Andrea Pousa suba ás táboas do escenario para facer gozar ao público da súa voz nunha actuación que contará cos protocolos e as medidas de seguridade sanitaria pertinentes. A deputada provincial Victoria Alonso será unha das persoas que asistan ao concerto, para o que é preciso reservar entrada a través da web do concello.

A de Tui será a primeira das 55 actuacións que a Deputación ten programadas en toda a provincia. En total, serán 26 as agrupacións musicais que percorran os concellos de menos de 50.000 habitantes ata o 18 de decembro, cando Leilía poña o broche de ouro a esta edición de "Musigal" cun concerto na Illa de Arousa. Tras o concerto de Andrea Pousa en Tui, a próxima cita será con Roi Casal en Pontecesures o 16 de maio. A partir de aí, artistas como Guadi Galego, Baiuca, Tanxugueiras ou Milladoiro ofrecerán concertos gratuítos espallando a cultura musical galega por cada recuncho da provincia de Pontevedra.

Aínda que a maior parte das actuacións concéntranse nos meses de xullo e agosto, con 22 e 18 concertos respectivamente, a música non parará de soar durante todo o que queda de 2021. No marco de "Musigal" haberá dúas actuacións en maio, cinco en xuño e catro en setembro. Ademais, os meses de outubro e novembro contarán cun evento cada un.

Con este programa a Deputación de Pontevedra fai a cultura accesible ao conxunto da cidadanía e favorece a programación artística nos concellos. Do mesmo xeito, dinamiza a lingua galega e favorece a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma.