Noticias

Mural de DepoRúarte no IES de Soutomaior


28 maio 2021
DepoRuarte en Soutomaior

Case unha vintena de alumnos e alumnas de primeiro curso de Bacharelato do IES de Soutomaior participaron esta mañá na elaboración dun mural titulado "Vida submarina", no que a mocidade representou a ría de Vigo coa súa emblemática Ponte de Rande. A actividade, que se enmarca no programa DepoRúarte, que desenvolve a Deputación, levouse a cabo nun dos muros do patio do centro.

O alumnado realizou a intervención artística baixo a tutela da creadora Laura Navarrete e despois dunha charla impartida pola educadora medioambiental Ana Vázquez Iglesias.  "Vida submarina" representa un fondo mariño, con algunha das especies máis características e tamén alude á contaminación pola presencia de plásticos. Para a súa elaboración utilizáronse pinturas plásticas e evitáronse os aerosois polo seu impacto no medio ambiente.

A Deputación celebra este ano a sexta edición do programa DepoRúarte, que leva por lema neste 2021 "DepoRúarte polo clima: pensando no 2030" e busca a implicación da mocidade nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), coas actividades que se desenvolverán en cinco centros de Ensino Secundario e Formación Profesional da provincia.

Fotos