Noticias

Mosquera: "Vilaboa será no 2018 o concello europeo máis avanzado no tratamento de residuos orgánicos"

O vicepresidente, o alcalde Luís Poceiro e a presidenta do colectivo Amigos da Terra asinaron hoxe un convenio para asesorar á veciñanza de Vilaboa sobre compostaxe individual


27 decembro 2017
O vicepresidente, o alcalde Luís Poceiro e a presidenta do colectivo Amigos da Terra

"Vilaboa será en 2018 o concello europeo máis avanzado no tratamento de residuos orgánicos". Así de contundente o asegurou hoxe o vicepresidente César Mosquera na sinatura do convenio co Concello e coa asociación Amigos da Terra, onde subliñou que a mediados de ano este municipio será o primeiro das súas características que tratará todos os seus residuos orgánicos –restos de comida e vexetais- mediante compostaxe, en centros comunitarios ou en composteiros individuais, ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación.

Mosquera realizou estas declaracións hoxe durante a sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra, o Concello de Vilaboa e a asociación Amigos da Terra (AdT). Este colectivo encargarase de asesorar e controlar o funcionamento dos composteiros individuais no municipio, aproximadamente uns 1.600 en total, durante os próximos dous anos. Para isto, realizará unha media de seis visitas a cada domicilio para a posta en marcha do composteiro e facilitar a formación necesaria para un correcto funcionamento, así como unhas 20 reunións conxuntas para divulgar determinados aspectos da compostaxe. O montante económico do acordo será dun máximo de 80.800 euros.

Segundo asegurou Mosquera, o concello de Vilaboa está a ser dos máis avanzados da provincia no desenvolvemento do Plan Revitaliza, xa que é un dos seis (Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra) que cambiará o seu modelo de xestión de lixo no vindeiro ano. A día de hoxe xa ten en licitación a compra de novos centros de compostaxe comunitaria e tamén duns 1.500 composteiros individuais, que se comezarán a repartir na primavera. "Agradezo a boa disposición e que sexan botados para adiante, porque podemos dicir que temos chegado a un punto de non retorno, xa que a partir de agora poderemos poñer en práctica todo o potencial que temos. Agradezo que en Vilaboa colleran a vía da Deputación e empuxaran cara adiante. É un orgullo e unha sorte. Estou encantado, porque en xullo de 2015, cando comezamos co proxecto, isto era o que queriamos", manifestou o vicepresidente.

Mosquera tamén tivo palabras de agradecemento a AdT, posto que subliñou, son unha importante achega que cubre as necesidades de formación técnica para que os e as usuarias da compostaxe consulten as súas dúbidas e vexan con confianza o proxecto. "É preciso corrixir certos hábitos e moi necesario dar unha guía técnica homoxénea para non marear á xente, que está a ter un comportamento exquisito cara a compostaxe", destacou o nacionalista.

Déficit de 300.000 euros anuais

O alcalde de Vilaboa, Jose Luís Poceiro, agradeceu á Deputación e a AdT a súa implicación para implantar a compostaxe en Vilaboa e destacou que o proxecto do Plan Revitaliza é "ilusionante", e subliñou que a aplicación no municipio débese fundamentalmente á implicación dende o primeiro momento do concelleiro de Medio Ambiente, Francisco Costa.

O rexedor indicou que entre os veciños de Vilaboa "hai conciencia ambiental", polo que entende que a aplicación da compostaxe será sinxela. De feito, lembrou que ata o de agora había repartidos un cento de composteiros indiviuais que se completaron con catro centros comunitarios da Deputación. En calquera caso, Poceiro quixo deixar claro que ademais dos beneficios ambientais, a súa participación no programa provincial ten como obxectivo reducir o déficit de 300.000 euros ao ano que o tratamento de lixo supón para as arcas municipais.

Segundo os datos dos técnicos provinciais, só cos tres centros de compostaxe comunitaria nos últimos meses, Vilaboa xa conseguiu reducir a factura de Sogama nun 10% , polo que cando a implantación da compostaxe sexa xeral, o aforro multiplicarase. "Se o plan chega a resultados, a xente que composta terá un premio. Para nós o lixo é ruinoso, porque son cartos que se teñen que sacar de facer outras cousas. Agardo e sei que sairá ben porque hai profesionais ao cargo e neste mandato demostrarase que hai formas diferentes de facer as cousas", dixo o alcalde.

Pola súa banda, a presidenta de Amigos da Terra, Raquel Fernández Rodríguez destacou que o labor da Deputación ao apostar pola compostaxe de xeito "decidido e firme" é sumamente positiva, porque confirma que o tratamento ecolóxico do lixo compensa non só ambientalmente, senón tamén de forma económica. "Sempre se di que o ecoloxismo é bonito pero caro, e a realidade é a contraria, sobre todo a longo prazo. Nós levamos 13 anos con proxectos concretos de compostaxe que eran moi difíciles de vender. Pero demostramos que se pode facer, que se se fai ben é positiva", subliñou.

Así mesmo, Fernández insistiu en que na compostaxe a parte educativa e humana que poden aportar os asesores de AdT é fundamental, xa que non só dan coñecemento e habilidades sobre compostaxe, senón que poñen sobre a mesa un debate sobre o tipo de consumo actual, sobre a agricultura ecolóxica ou a necesidade de responsabilidade individual e colectiva –en comunidade- do tratamento e xestión do lixo propio.

Balance

O vicepresidente Mosquera aproveitou a comparecencia de hoxe para facer un balance anual do Plan Revitaliza e asegurou que a día de hoxe está "por enriba das nosas expectativas iniciais e posibilidades de atención". De feito, destacou que o persoal técnico está "desbordado pola dinámica e polos feitos".

Nestes momentos son cinco concellos da provincia e Pontevedra que no 2018 pasarán a unha nova fase do Plan e cambiarán o seu modelo de xestión de lixo para pasarse á compostaxe. Hai outros 23  concellos (29 en total) adheridos ao programa provincial (cunha nova convocatoria aberta que pecha en xaneiro para entrar) e 22 teñen xa centros de compostaxe comunitario funcionando. Así mesmo, en canto a persoal, hai 35 técnicas e técnicos especializados (18 funcionarios e 17 bolseiros), ademais da previsión de crear outros 25 postos para 2018.

 "Hai declaracións desafortunadas –en relación ás críticas do PP-. Non me quero remitir ao mandato anterior, onde nós non puxemos pegas e o plan provincial de residuos fracasou. Neste caso estamos máis ben desbordados pola dinámica, as expectativas e os feitos. Temos incluso certas tensións para poder levar o ritmo que nos gustaría, porque é un grande esforzo organizar todo isto", insistiu Mosquera.