Noticias

Mosquera: "imos reiniciar a contratación da Rolda Leste porque de chapuzas estamos fartos"

O orzamento da actuación incrementarase ata case 4 millóns de euros pola errónea valoración das expropiacións, por cambios no proxecto de obra derivados de informes da Xunta e pola reubicación de torres de Fenosa


23 decembro 2016

O vicepresidente provincial César Mosquera anunciou hoxe que a Deputación volverá a sacar a contratación a Rolda Leste de Pontevedra. O nacionalista explicou que esta decisión xurde pola necesidade de modificar o proxecto inicial para incorporar as recomendacións dos recentes informes da Consellería de Medio Ambiente e Axencia Galega de Infraestruturas, entre outras melloras. A previsión é que a obra, que alcanzará case 4 millóns de euros, finalice en 2018.

"A nosa folla de ruta é refacer o proxecto durante o mes de xaneiro e febreiro e proceder á licitación con todas as autorizacións e con garantías de que a obra se poida realizar dunha maneira boa. Imos partir de onde había que partir, cos informes, o proxecto moi estudado, e arrincar sen ningún atranco nin problema previsible, cuns estándares de calidade como intentamos dende hai anos no Concello e queremos na Deputación. De chapuzas estamos fartos. Ninguén entende que se poidan facer obras a catro duros nin con proxectos que quedan a medias", subliñou.

Mosquera destacou que a construción da Rolda Leste de Pontevedra chega dun convenio asinado en abril de 2013 entre Concello e Deputación que finaliza no presente 2016. De feito, explicou que a Xunta de Goberno de hoxe aprobou unha addenda para ampliar un ano máis o prazo de vixencia. Nos últimos tres anos e medio, dixo, xurdiron diferentes problemas na tramitación, mais o principal foi que se adxudicou sen a correspondente tramitación ambiental e sen informe da Axencia Galega de Infraestruturas –a pesares de que a nova vía sae e chega de estradas autonómicas-.

Entre os cambios marcados pola AXI, segundo explicou o vicepresidente, destacan a obriga de facer variacións nos entronques da vía, así como mellorar o tipo de pavimento para facelo máis resistente ao tráfico pesado, xa que o estudo inicial só prevía o paso de dous camións pesados ao día. "Parécennos unhas peticións razoables. Esta infraestrutura non estivo durante miles de anos e estará centos de anos no territorio. Agardar un ou dous exercicios e ter todo en orde é mellor que tirar para adiante e facer unha chapuza", insistiu.

Así mesmo, e como anécdota, Mosquera apostillou que a Xunta tamén pediu a instalación de máis redutores de velocidade e pasos de peóns sobreelevados coa finalidade de calmar o tráfico na zona.  "No proxecto puxéranse os xustos porque sabiamos que non os querían e que incluso non nolos autorizaban noutros lugares. Isto é unha vía sanitaria que vai cara a Montecelo… Parece que entra o sentido común", subliñou.

Ademais destas modificacións do proxecto, tamén será preciso trasladar unha torre de alta tensión e outra de media tensión de Fenosa, así como repoñer muros, pozos e outros acordos xerados cos propietarios das fincas afectadas que non estaban contemplados inicialmente. 4

Para recoller todos estes cambios aprobarase na vindeira Xunta de Goberno a rescisión á empresa adxudicataria (Elsan, do grupo OHL), que solicitou a finalización do contrato. "Preferimos a rescisión porque é máis limpa que os modificados ou que unha negociación. Vólvese sacar a concurso e que as empresas fagan as súas ofertas coñecendo o proxecto definitivo", dixo.

Orzamento

Segundo explicou Mosquera, o orzamento total previsto para a Rolda subirá ata alcanzar os case catro millóns de euros. O proxecto orixinal de obra era de 1,795.000 euros, que chegarán agora a uns 2,5 millóns incluíndo o cambios dos transformadores de Fenosa. Así mesmo, as expropiacións, que inicialmente eran 460.000 euros, e estaban evidentemente erradas, subirán dos 1.300.000 euros segundo os últimos cálculos. A suma segue a medrar, xa que tamén haberá que incorporar os custes dos futuros estudos arqueolóxicos esixidos dende Patrimonio.

En canto á porcentaxe de financiamento do sobrecuste, o vicepresidente explicou que está por acordar co Concello, mais a previsión é que sexa a Deputación a que se faga cargo: no convenio asinado en 2013 o Concello asumira o 65% do gasto, mentres que cos novos criterios do departamento provincial de Mobilidade os concellos só pagan o 30% das obras novas. "Haberá que falalo co Concello. Pode que prefira poñer cartos aquí ou seguir igual e que a Deputación afronte outras actuacións", finalizou.