Noticias

Mosquera fai un chamamento á "xente moi valiosa" para que se presente ás dúas prazas de persoal funcionario interino do programa ‘trOPOS' da Deputación de Pontevedra

O vicepresidente destaca que o proxecto para actualizar e mellorar as oposicións na Administración local "é moi novidoso"


16 outubro 2020
Xunta de Goberno

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, fixo hoxe un chamamento á xente "boa" e "moi valiosa" para que se presente ás prazas de funcionariado interino para o programa ‘trOPOS' da institución provincial. Este programa pretende modernizar e mellorar as oposicións das administracións locais para que a contratación de persoal público sexa eficaz e que as novas e os novos funcionarios sexan na práctica os máis válidos á hora de desempeñar o seu traballo.

A función das dúas persoas que contratará a Deputación para ‘trOPOS' (acrónimo de ‘transformar oposicións') será a de reestudar os postos de traballo de cada administración, establecer as súas funcións, e en función desa valoración, redactar novas bases de convocatorias de ofertas públicas de emprego, con temarios e exames actualizados, e material de apoio. Outra das súas funcións será o asesoramento directo aos tribunais cualificadores de cada proba e aos concellos, ademais de realizar tamén cursos de formación.

Segundo explicou Mosquera despois de presidir a Xunta de Goberno, o material que explica os obxectivos do proxecto está xa colgado na páxina web da Deputación resumido na guía Conceptos e normas básicas sobre os procesos selectivos. As bases co temario para facerse cun dos dous postos de persoal funcionario do ‘trOPOS', que terán categoría A1, coñeceranse puntualmente no BOPPO a vindeira semana logo de ser presentadas á mesa de negociación cos sindicatos nos últimos días.

Para o vicepresidente provincial a máxima complicación que ten a busca de persoal para este novo proxecto da Deputación é que é "algo moi novidoso" que a día de hoxe non existe noutras administracións. "Gustaríame que isto levase a máxima difusión e que xente que pode ser moi valiosa e non le o Boletín lle chegara. Ninguén está a agardar a que poida haber unha praza deste tipo. O fundamental deste proxecto é que o persoal que seleccionemos sexa moi bo. Igual hai xente que está en distintas actividades, nas universidades, egresada ou licenciada, con máster… que non ten nas súas contas presentarse a isto, pero paga a pena", destacou o nacionalista animando á participación.

De feito, indicou que non existe unha formación académica específica cos requirimentos que se piden. "Non hai ningunha carreira que cubra nin a terceira parte do que se pretende, cobren fragmentariamente cada unha, o que é unha dificultade engadida, pode que haxa algún máster dedicado a isto, pero non é fácil", dixo.

Mosquera destacou que "por desgraza a selección de persoal da Administración pública estase a facer ao ‘trantrán' nestes momentos cun sobreesforzo de funcionarios que se dedican a outra cousa e que non teñen tempo, e vano facendo con boa vontade", motivo polo que a Deputación se decidiu a "poñerlle medios e enerxía" co fin de acadar unha ‘revolución' que mellore as oposicións e, como consecuencia, a selección de persoal.

‘trOPOS', explicou o vicepresidente, é o resultado de cinco anos de traballo e de falar coas persoas integrantes dos tribunais e coas persoas que fan as bases de oposicións, para saber onde estaban os problemas e buscar solucións e fórmulas adecuadas. "Aínda que quen se encargou da redacción fun eu, aportacións orixinais fixen poucas, simplemente recoller e encaixar o que me foron expresando. Houbo funcionarios que colaboraron moitísimo. Ao final está o resultado aí", resaltou.

A publicación de ‘trOPOS' xa foi distribuída en formato físico entre todos, o persoal xefe de servizo da Deputación, e entre as alcaldesas e alcaldes dos concellos da provincia e, en breve, remitirase –na edición en español– entre as principais administracións do Estado (autonómicas, provinciais, cabildos…), ademais de chegar nominativamente até a ministra de Función Pública, Carolina Darias, así como á FEGAMP, á FEMP, ao Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e á Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP).