Noticias

Mosquera defende en Bilbao que "a xente só pode gozar tranquilamente dos espazos públicos cando a preferencia peonil queda clara"

O vicepresidente provincial participou nas Xornadas #UmHerri16 sobre ‘Cidade e Infancia' para falar do modelo urbano de Pontevedra e da rede provincial de cidades d@s nen@s


18 nov 2016
UmHerri16

"A xente só pode gozar tranquilamente dos espazos públicos cando a preferencia peonil queda clara". Así de contundente se mostrou hoxe en Bilbao o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, quen participou nas Xornadas #UmHerri16 sobre ‘Cidade e Infancia' no Colexio de Arquitectos Vasco Navarro.

O vicepresidente fixo unha diagnose da cidade vasca e destacou que a pesares de que Bilbao ten avanzado moito en calidade urbana e de vida, aínda quedan pasos por dar por parte do seu goberno para conseguir unha maior utilización dos espazos públicos por parte da cidadanía, xa que non se marcaron as prioridades da mobilidade claramente. Segundo asegurou, "a vida variada da xente na rúa hai que conseguila declarando a prioridade peonil con todas as súas consecuencias e sendo coherentes, o que supón unha necesaria determinación política".

"O goberno de Bilbao leva mellorado moito a cidade e investido moito na reforma urbana abrindo rúas peonís e espazos para as persoas, mais non se ven apenas nenos e nenas pola rúa… Aos coches cústalles parar nos pasos de cebra… Non hai sensación de seguranza dos peóns sobre os coches", sinalou. Neste sentido, durante o coloquio da súa intervención, centrada na perspectiva urbanística das ‘cidades da infancia', Mosquera escoitou varias "declaracións de envexa" dos asistentes ao #UmHerri16 polo traballo feito en Pontevedra, e cuxa filosofía –compartida polo pedagogo Francesco Tonucci- se pretende levar adiante en toda a provincia, o que permitirá aumentar a autonomía das nenas e nenos pontevedreses.

Mosquera, así mesmo, explicou que a cidadanía agradece a decisión política de recuperar os espazos públicos en Pontevedra cunha anécdota ocorrida nos primeiros momentos da reforma urbana. O vicepresidente lembrou que andando pola cidade cruzouse cunha muller de avanzada idade que lle deu as grazas pola reforma da súa rúa porque seu home, invidente, grazas ás obras de peonalización, volvía poder saír da casa despois de catro anos encerrado: a inseguridade que lle supoñía o tránsito de coches, que aparcaban, ademais, sen deixar espazo para saír na porta da súa casa, confinárao ao non moverse seu domicilio. "Estar en política ten moita merda, pero só por cousas coma esta merece a pena", dixo.

Rede vasca

A Deputación de Pontevedra iniciou xa onte a súa participación nas Xornadas #UmHerri16 ‘Cidade e Infancia' en Bilbao para expoñer o traballo realizado en Pontevedra para converterse nunha Cidade d*s Nen*s, filosofía que a institución prevé estender ao resto da provincia.

Onte tivo lugar a intervención do asesor de Mobillidade, que falou sobre ‘Urbanismo e Infancia' dentro da rolda de palestras sobre ‘A cidade da infancia. Perspectiva política e comunitaria' xunto a representantes de concellos de Ermua, Bilbao, Arrasate, Leioa ou Tolosa, entre outras, así como membros da Universidade de Barcelona, Unicef Euskadi, o departamento de Saúde da EJ-GV e Solasgune. Así mesmo participou cunha palestra o investigador Francesco Tonucci (do CNR Roma), quen durante a tarde tamén realizou as conclusións de peche da xornada.

O obxectivo deste certame celebrado en Bilbao é volver reactivar a rede vasca de Cidades d*s Nen*s que se puxo en marcha hai anos ao abeiro da filosofía de Francesco Tonucci e que a día de hoxe está inactiva. Nestes momentos pretende retomar o traballo o Colexio de Arquitectos Vasco Navarro.