Noticias

Mosquera anuncia un novo investimento de tres millóns de euros para darlle un pulo á compostaxe no que queda de ano

O vicepresidente Mosquera presentou hoxe o II Congreso de Educación Ambiental para Centros de Ensino no que participarán máis de 300 escolares


24 maio 2018
Compostaxe escolar

O vicepresidente César Mosquera anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra ten dispoñibles tres millóns de euros que investirá no que queda de ano para darlle un pulo á compostaxe. Preténdense con eles financiar as medidas necesarias para que os concellos da provincia poidan cumprir as obrigas ambientais e legais que establecen que o 100 % dos biorresiduos debe ser compostados ou recollido de xeito separado no ano 2020.

O nacionalista destacou que no que queda de exercicio, e sobre todo no verán, o persoal técnico do Plan Revitaliza terá unha gran cantidade de traballo, xa que é preciso acelerar medidas e actuacións nos concellos adheridos. Non descartou, por outra banda, que ante a nova normativa se abra unha nova convocatoria de adhesión para dar entrada a concellos que ata o de agora non tiveran interese no plan provincial, pero que se verán obrigados a buscar unha solución á súa xestión do lixo de xeito inminente.

Segundo lembrou o vicepresidente, o borrador da nova lei do Ministerio de Medio Ambiente obriga a que desapareza o colector verde no que actualmente se tira o lixo de maneira mesturada. "Será unha auténtica revolución no enfoque dos residuos e á maioría dos concellos e das comunidades autónomas vainas pillar bastante a tras pé. Nesta provincia temos unha situación particular grazas a que hai dous anos xa diciamos que había que recoller separadamente e eliminar o colector verde. Alguén podía pensar que eramos uns iluminados, pero agora é unha obriga legal", destacou, para engadir que o prazo máximo para o cambio será o ano 2023 (marcado pola UE de forma xenérica). "Afortunadamente fomos previsores", manifestou Mosquera satisfeito.

Actividades con máis de 10.500 alumnos e alumnas

Este anuncio de investimento foi realizado polo vicepresidente no marco da presentación do II Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para Centros de Ensino que terá lugar o vindeiro martes, día 29, no Pazo da Cultura de Pontevedra coa participación de sete centros e máis de 300 escolares de toda a provincia. No anuncio da celebración Mosquera estivo acompañado por unha representante do CEIDA, Carmen Borobio, e polo coordinador das actividades que se levan realizando coa compostaxe nos colexios e institutos da provincia ao longo do curso grazas ao Plan Revitaliza.

Borobio lembrou que no curso anterior as actividades e obradoiros realizados polo CEIDA limitáranse aos concellos adheridos (36) e a 242 centros escolares, sobre todo de Primaria, mentres que este ano o obxectivo foi máis ambicioso, atendendo non só o ‘territorio Revitaliza', senón tamén outros concellos como Vigo e Marín. "Chegamos a máis de 10.500 alumnos e alumnas con máis de 400 actividades, formando profesores, con charlas para alumnado, visitas a centros de compostaxe, xogos, exposicións… e tivemos unha gran demanda de centros de Infantil e tamén de Secundaria, que tiveron actividades todo o ano", destacou.

Pola súa parte, Manolo Domínguez indicou que o resultado do traballo sobre compostaxe de todo o curso vai ser o obxecto do congreso de compostaxe, para o que se seleccionaron sete centros, catro de Primaria e tres de Secundaria (Luis Seoane de Monte Porreiro, Gondomar, Caldas de Reis, Cambados, Sanxenxo-Noalla, Vilaboa e Silleda). Será o propio alumnado destas escolas o responsable de expoñer os traballos que se realizaron, tanto en materia de concienciación ambiental sobre compostaxe, de investigación, como de experimentación.

Diplomas e visita

Por outra banda, o vicepresidente Mosquera tamén destacou que o vindeiro xoves, día 31, repartiranse os diplomas ao alumnado do curso da Facultade da Compostaxe na súa terceira promoción coa presenza do reitor Salustiano Mato, quen pechará a súa traxectoria no cargo con este acto. "El foi unha das primeiras persoas que traballaron en compostaxe en Galicia, polo que simbolicamente ten moito sentido que o seu último acto como reitor sexa participar neste evento", destacou Mosquera.

Serán 29 persoas as que se ‘graduarán' como mestres e mestras composteiras, pero só 13 mulleres e 12 homes cunha idade media de 31,85 anos os seleccionados para obter a bolsa da Deputación. A titulación maioritaria das novas bolseiras e bolseiros é a de Bioloxía (13).

Finalmente, o vicepresidente explicou que os días 30 e 31 deste mes chegará a Pontevedra unha delegación de Estremadura na que estará presente o director xeral de Medio Ambiente da Xunta de Estremadura, así como representantes das deputacións de Cáceres e Badaxoz, xunto a un grupo de persoas técnicas, que queren coñecer o funcionamento in situ do Plan Revitaliza para "iniciar o mesmo camiño".

Mosquera destacou que os contactos con representantes desta comunidade veñen sendo continuos desde hai tempo e explicou que o problema co lixo alí non é o mesmo que en Pontevedra pola dispersión da poboación. "Os asentamentos poboacionais alí están máis concentrados en concellos, polo que compostar a quilómetro cero como facemos aquí evitará recollidas custosísimas", finalizou.