Noticias

Mosquera afirma que o informe ambiental simplificado á estrada de Mollabao aforra meses de tramitacións: "pegamos un bo salto"

O vicepresidente asegura que a tramitación continuará coa sinatura dun convenio entre Deputación e Concello de Pontevedra e a solicitude de concesión dos terreos ante Costas


16 outubro 2020

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, manifestouse hoxe satisfeito ante a chegada oficial ao Departamento de Mobilidade do informe ambiental da Xunta para a conexión entre Rosalía de Castro e Avenida de Marín, a variante de Mollabao, que "afortunadamente" non necesita avaliación ambiental ordinaria. Afirmou que desta maneira a tramitación global do proxecto terá unha boa redución de tempo: "Era un punto crítico porque este tipo de trámites nunca se sabe por onde van saír. Pegamos un bo salto", resaltou Mosquera.

O vicepresidente destacou que algunhas entidades requiridas pola Xunta non informaron, pero as que o fixeron, "as máis relevantes, ningunha puxo ningunha pega, xa que se algunha puxera algunha sospeita de pega aínda que ao final non fóra nada, automaticamente habería que pasar ao informe ambiental ordinario que suporía moitas máis complicacións e meses de tramitación, que poderían chegar a máis dun ano".

Segundo explicou, agora os seguintes trámites para a nova vía serán recoller as recomendacións que aparecen no informe no proxecto definitivo da obra e pedir a concesión de Costas ademais de asinar o convenio entre a Deputación e o Concello.

"Ás veces estas cousas parece que non arrancan e van moi lentas, neste caso afortunadamente imos adiante", indicou.

Segundo a valoración realizada no seu día, a nova vía que conectará a estrada vella e a autovía de Marín en Mollabao terá un custo aproximado dun millón de euros (932.200,03 €). Así se analiza no proxecto realizado pola consultora Ain Active contratada pola Deputación para o deseño da vía, que indica a necesidade de construír varias columnas de grava para dar estabilidade ao terreo que incrementarán en máis de 300.000 euros o investimento previsto.

O proxecto definitivo para a estrada contempla que estará disposta entre dúas glorietas, unha na avenida de Marín e outra na estrada vella. A lonxitude da vía –entre os centros das rotondas– será finalmente duns 97 metros e o seu ancho será de 15 metros, divididos nunha sección de dous carrís de catro metros, dúas beiravías dun metro, e dúas sendas de 2,5 metros.

A glorieta máis próxima á ría terá un radio exterior de 16 metros, contando o parterre interior de arredor de 13 metros de diámetro, un empedrado de metro e medio,  dous carrís de 3,5 metros cada un, e de dúas beiravías de 0,50. A glorieta interior será máis pequena, unicamente chegando aos 13 metros de radio, e coa mesma disposición de carrís e beiravías.

Renovaranse todos os servizos, instalarase nova iluminación (desprazando algúns dos puntos actuais, conectando 10 novas luminarias e 8 reforzos de luz nos pasos de peóns), ademais de plantar vexetación nos espazos verdes das rotondas e tamén algunhas árbores de maior porte.

En canto ao calmado do tráfico, construiranse dous pasos de peóns sobreelevados (PPS) na rúa Rosalía de Castro, antes e despois da glorieta de acceso; outro PPS no medio da estrada de nova construción; e outro antes da glorieta da avenida de Marín.