Noticias

Mos repara e mellora as súas instalacións deportivas gracias a unha nova achega de 40.500 euros do Plan Concellos da Deputación

O pavillón Óscar Pereiro ve solucionados os problemas de filtracións de auga da cuberta e o campo do Coto Torrón recibe unha nova actuación para cubrir o espazo de acceso do público e de interconexión entre ximnasio, aseos e as oficinas


26 xullo 2021
Visita obreas Mos Plan Concellos

As instalacións deportivas municipais de Mos víronse novamente melloradas cun investimento de 40.500€ da Deputación de Pontevedra. Desta volta fixéronse melloras e reparacións nas cubertas do pavillón polideportivo Óscar Pereiro e nos espazos de acceso ao campo de fútbol Coto Torrón. O deputado provincial Santos Héctor e a deputada Victoria Alonso estiveron esta mañá nas instalacións, xunto coa alcaldesa, Nidia Arévalo, para comprobar os resultados das novas actuacións, financiadas co Plan Concellos.

Trátase de dúas obras moi esperadas pola veciñanza e que, no caso do pavillón, estaban a producir molestias ás persoas usuarias por mor das filtracións de auga do tellado. Os prexuízos eran especialmente acusados para os clubs de patinaxe que utilizan esta instalación para os adestramentos, que precisan dun pavimento seco e en boas condicións.

Unha vez rematadas as obras financiadas pola Deputación, o pavillón Óscar Pereiro soluciona os problemas derivados do desgaste de parte do material da cuberta. Retiráronse as pranchas defectuosas e colocáronse outras translúcidas coas que esta instalación deportiva gañou, ademais, en luminosidade, dado que o novo material permite un maior paso da luz (ata un 52%). As condicións de iluminación no interior cambiaron substancialmente, especialmente en horario diúrno, pois da superficie total de 1.298 metros cadrados da cuberta, substituíronse 500 metros cadrados. Ademais, minimizáronse as fugas térmicas, co que se reduce o consumo enerxético e contribúese á sustentabilidade ambiental.

Por outra banda, o campo de fútbol de  Coto Torrón estreou unha funcional cuberta no espazo que intercomunica o ximnasio, as oficinas, o bar, os aseos e o acceso ao campo para o público. A estrutura ten unha superficie de 103 metros cadrados e consta de dúas chapas lacadas, sendo a cara exterior de cor verde e a interior branca. Está soportada por oito piares de aceiro, que contan coas súas respectivas zapatas para a ancoraxe ao solo. O material de cuberta son paneis nervados de cor verde no exterior e branca no interior a xogo co resto dos recubrimentos. Inclúe illante térmico.

Con estas obras, a Deputación continúa as melloras neste campo de fútbol, onde xa nos últimos anos procedeu á renovación dos vestiarios e creación dun espazo específico para as xogadoras, accesos independentes para xogadores, árbitros e público, substitución do céspede, oficinas-bar e aseo do público e unha edificación para o ximnasio. Todos estes espazos quedan agora correctamente conectados.

Máis de 8,5 millóns en seis anos

O Concello de Mos recibiu nos últimos seis anos, dende que se produciu o cambio de Goberno na Deputación, máis de 8,5 millóns de euros da Deputación. Estes recursos chegaron ao municipio en gran medida a través do Plan Concellos, unha iniciativa provincial que achega financiamento regrado e outorga autonomía aos gobernos locais. Mos poderá xestionar este ano 2021 case un millón de euros. Nos últimos anos, o Concello xa ten acometido unha trintena de obras no marco do Plan da Deputación, entre elas actuacións tan importantes como a mellora da seguridade viaria nas parroquias de Torroso, Cela e Tameiga (844.000 euros), a ampliación da rede de saneamento integral do concello (250.000 euros) e as humanizacións da Avenida de Puxeiros (261.800 euros) e do Camiño das Pozas (200.000 euros). Ademais, o Plan Concellos permitiu a contratación de 76 persoas desempregadas nos últimos seis anos.