Noticias

Montse Magallanes resalta en Silleda a importancia da mostra "Nado en Pedra" para divulgar o gran traballo da Escola de Cantería

A Carballeira das Pedrosas acolle este mes unha vintena de grandes esculturas de figuras humanas, realizadas polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra


01 agosto 2018
Nado en Pedra en Silleda

Na Carballeira das Pedrosas, en Silleda, hoxe tivo lugar a inauguración da mostra itinerante "Nado en Pedra", con esculturas realizadas polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, acto no que participaron a deputada provincial, Montse Magallanes, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. Magallanes resaltou a importancia desta exposición para que a cidadanía coñeza o grande traballo que se fai desde a Escola, "pretendemos trasladar as obras da arte que se fan na Escola ás nosas vilas e cidades para que a xente coñeza in situ os importantes traballos que fai o noso alumnado".

A deputada destacou así que, na Escola de Cantería, ademais de destacados traballos de restauración no importante patrimonio en pedra que temos en Galicia, "tamén se fai e se crea arte e boa mostra diso son as impresionantes esculturas que estes días se van poder ver en Silleda". Magallanes resaltou que na Escola de Cantería, non só se forma ás persoas nunha das profesións máis antigas e tradicionais de Galicia, "senón que ademais a formación é espléndida, cunha calidade técnica excepcional, de xeito que as nosas alumnas e alumnos están sendo demandados desde múltiples lugares do mundo e as nosas obras están repartidas tamén por medio mundo".  

Por exemplo, traballos saídos deste centro poden verse, entre outros lugares, en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (EEUU), Bos Aires (Arxentina) ou Querétaro (México), entre outros. Ademais, tal e como lembrou a deputada, numerosas alumnas e alumnos da Escola de Cantería forman parte xa dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como a Sagrada Familia, a Catedral de Santiago de Compostela, a Catedral de Westminster, o barrio do Chiado en Lisboa ou as obras de recuperación do Capitolio de Washington.

Pola súa parte, o alcalde de Silleda asegurou que as obras que poden verse na Carballeira das Pedrosas son "só unha pequena mostra do que se fai na Escola de Cantería. É espectacular que estes traballos poidan estar feitos por alumnas e alumnos, o que indica o seu nivel excepcional, e de aí que sexan reclamados en todo o mundo". Manuel Cuíña agradeceu ademais á Escola de Cantería por un traballo que están realizando na actualidade para este municipio, unha serie de réplicas en pedra de instrumentos musicais, que se colocarán na praza da Igrexa, un enclave que van dedicar á música "porque somos unha vila cunha gran tradición musical e cultural".

Mostra itinerante

"Nado en pedra" é unha exposición itinerante para pór en valor os traballos realizados desde a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A mostra componse dunha vintena de pezas de grande tamaño, algunha delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática central a figura humana. Algunhas das esculturas serven para amosar algúns dos oficios tradicionais da nosa terra, como a ferrería, a costura ou a propia cantería, mentres que outras se centran en estampas da vida cotiá.

Esta mostra poderá verse en Silleda, na Carballeira das Pedrosas, ata finais deste mes de agosto, despois de percorrer xa outros concellos da provincia, como Caldas, A Guarda, Pontevedra, O Rosal, Nigrán e Cambados ou tamén o concello de Santiago de Compostela na provincia da Coruña. En Vigo tamén puido visitarse a exposición "Nado en pedra. Formas e figuras", unha iniciativa similar pero centrada non tanto en figuras humanas senón, como indica o seu nome, en formas e figuras humanas pero tamén de obxectos, cousas ou animais.