Noticias

Monte do Castro e castro Alobre levarán a comarca do Salnés ao museo arqueolóxico nacional a través de "Galaicos. Un pobo entre dous mundos"

A impoñente mostra promovida pola Deputación de Pontevedra chegará o mércores a Madrid e será inaugurada polo ministro de Cultura e a presidenta provincial


27 outubro 2018
Galaicos, un pobo entre dous mundos

O monte do Castro de Ribadumia, e o castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, representarán á comarca do Salnés na exposición itinerante "Galaicos. Un pobo entre dous mundos" a través de varias pezas dun importante valor arqueolóxico. Esta mostra, promovida pola Deputación de Pontevedra, poderá visitarse no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid desde o vindeiro mércores 31 de outubro, día no que será inaugurada polo ministro de Cultura, José Guirao e a presidenta provincial Carmela Silva.

Máis polo miúdo, en canto ao monte do Castro, poderán verse na exposición dúas importantes pezas, concretamente un caldeiro con remaches datado entre os séculos IV e II a.n.e. e unha fíbula zoomorfa datada do século I. O caldeiro con remaches trátase dunha gran peza de bronce con clara funcionalidade cerimonial que posteriormente foi convertido en material reutilizable por un metalúrxico. Pola súa banda, a fíbula zoomorfa trátase dun pequeno broche de bronce coa representación de dous medios leóns, un guerreiro con casco nun dos extremos e un boi noutro. A procedencia desta última peza parece estar no Languedoc francés e o seu uso quizais vencellado ás lexións romanas. Ambas pezas sairán por vez primeira do Museo de Pontevedra.

Pola súa banda, tamén chegarán a Madrid, ao abeiro da mostra promovida pola institución provincial, tres prezas do castro Alobre. Unha delas será o Askós, que tamén sairá por primeira vez do Museo de Pontevedra. Esta é unha peza de cerámica de procedencia mediterránea, datada entre os séculos III e II a.n.e. e que presenta unha rechamante decoración na que se combinan un zigzag no corpo e unha retícula inclinada na parte superior. As outras dúas pezas será unha fíbula alessia e un coitelo afalcatado.

A fíbula alessia do castro Alobre é un broche de bronce datado entre os séculos I a.n.e e I que ao igual ca fíbula do monte do Castro parece estar vencellada ao exército romano. No territorio da actual Galicia é a primeira peza deste tipo que se documenta. Pola súa parte, o coitelo afalcatado é unha peza datada no século VI a.n.e. que foi unha das primeiros testemuñas do intercambio de materiais entre o mundo galaico e o mediterráneo.

"Galaicos, un pobo entre dous mundos" é unha mostra composta por 2 pezas audiovisuais, 7 proxeccións, 5 ámbitos expositivos, 11 xacementos, 65 obxectos arqueolóxicos, 24 vitrinas, 210 m2 de exposición, 21 ilustracións arqueolóxicas e 10 entidades prestameiras de toda Galicia e Asturias. Ademais de visitar Madrid este ano, está previsto que entre o 2019 e o 2020 teña presenza no Museo de Prehistoria de Valencia, ao Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya e ao Museo de Pontevedra. En cada unha destas cidades, a Deputación de Pontevedra manterá a mostra entre 4 e 6 meses. Ademais, os comisarios desta exposición son Rafael Rodríguez, arqueólogo da institución provincial e Antoni Nicolau, experto en patrimonio cultural e comisario de numerosas mostras.

Convocatoria presentación 'Galaicos, un pobo entre dous mundos' (pdf)