Noticias

Mondariz recibe máis de 70.000 € do Plan Concellos para a realización de tres novas actuacións na vila

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a Mondariz sitúase nun 57,83 %, representando un investimento na vila de 507.557,14 €


15 agosto 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolucións presidenciais, tres axudas ao Concello de Mondariz por un valor total de 70.674,05 € ao abeiro do Plan Concellos 2018. Trátase, nesta quenda, dunha achega de 9.351,38 euros para o equipamento e mellora das instalacións da Policía Local e Protección Civil, outra de 36.673,53 euros para o equipamento e mellora das instalacións do auditorio do centro social, e outra achega de 24.649,14 euros para a reforma da planta baixa da casa consistorial. As tres actuacións atópanse enmarcadas na liña 1, a de investimentos, do Plan Concellos 2018.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 285.312,83 euros na liña 1 destinados a financiar a mellora e pavimentación do camiño de Pontevedra, a mellora de camiños municipais en Cernadela (Riofrio) e nos lugares de O Costal e O Coto (Sabaxans), tamén a mellora da accesibilidade e acondicionamento parcial da antiga escola Pé do Muíño para centro de formación municipal (Fase II), a dotación de infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa, a adquisición dunha minicargadora e cullerón varredor, as obras de reparación segunda fase da escola de Redo de Vilar, á mellora de camiños en Frades, Sabaxáns, Mouriscados e Vilasobroso, a adquisición de equipamento para escola de música, axuda no fogar e pavillón municipal, e a adquisición de equipamentos informáticos.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 35.747,74 € para o Desafío Mondariz Race 2018, a XXX Feira dos Oficios Artesáns, o Orienta-Tea, o Open Futbolín Rías Baixas Mondariz, a III Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, as xornadas de promoción dos queixos de embutidos, as festas infantís con inchables, a Feira do Pan, o cine de verán na rúa e o II Ciclo Corais Outono en son. E tamén, outros 115.822,52 € foron destinados á contratación de 19 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan de Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 507.557,14 € do total destinado a Mondariz, isto é, 57,83 %.