Noticias

Mondariz recibe dúas achegas por valor de preto de 50.000 euros no marco do "Plan Concellos 2017"

A Deputación de Pontevedra xa entregou o 79,2% do total destinado a Mondariz dentro do Plan, cun investimento aprobado de preto de 400.000 €


28 xullo 2017
Plan concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas axudas ao concello de Mondariz no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos, e que suman un total de 49.647,03 euros. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 45.946,05 €, en primeiro lugar, para a mellora da praza de abastos de Mondariz e, por último, outra achega de 3.700,98 euros para a compra de 109 cadeiras plegables e 12 mesas de catering para uso exterior.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Mondariz 160.676,46 euros na liña 1 para o financiamento da pavimentación de camiños e mellora de accesibilidade e de seguridade viaria en varias rúas, da pavimentación de camiños nas parroquias de Gargamala e Sabaxáns, da mellora do camiño Casares, do deseño e instalación dun quiosco de madeira na contorna da praia fluvial de Ceo, da adquisición dun entarimado para o palco municipal, para o financiamento das obras de reparación na Escola de Redo de Vilar, para instalar unha cámara negra no auditorio do Centro Social de Mondariz, e da adquisición dun equipamento informático composto por catro torres con catro monitores e, ademais, unha impresora multifunción. Por outra banda, 16.810,78 € en liña 2 para actividades como a Feira do pan, a II Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, Primavera e Son ou o cine de verán na rúa e, finalmente, outros 113.116,61 € para a contratación de 17 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Mondariz xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 79,2% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 398.280,31 euros dun total situado de 502.740,49 €. Este ano Mondariz recibiu, ademais, un 8,5% máis do que percibiu a través do "Plan Concellos 2016".