Noticias

Mondariz comeza o despregue do Plan Revitaliza de compostaxe e será un dos primeiros concellos do Estado en cumprir a nova Lei de residuos

O vicepresidente César Mosquera, o alcalde Xoán Carlos Montes e a presidenta de Amigos da Terra asinaron hoxe o convenio para aportar asesoramento á veciñanza e instalar 1.200 composteiros individuais


01 xuño 2018
Mondariz compostaxe

O Concello de Mondariz vai comezar de maneira inminente o despregue do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra co reparto de máis de 1.200 composteiros individuais para que as familias que dispoñen de casas con horta no municipio composten os seus biorresiduos (restos de comida e vexetais). Grazas ao investimento e pulo da institución provincial e á súa aposta pola compostaxe o concello será un dos primeiros en todo o Estado que cumprirá coa nova lexislación en materia de residuos.

No día de hoxe o vicepresidente da Deputación César Mosquera, o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, e a presidenta de Amigos da Terra Raquel Fernández asinaron un convenio para asesorar á veciñanza á que se lle entregarán composteiros individuais nos seus domicilios. Persoal técnico de Amigos da Terra, baixo a supervisión do persoal técnico e mestres e mestras composteiras da Deputación, será o responsable de controlar o funcionamento dos composteiros individuais en Mondariz durante os próximos dous anos. Para isto, realizaranse unha media de seis visitas a cada domicilio para a posta en marcha do composteiro e facilitarase a formación necesaria ás persoas usuarias para un correcto manexo. Tamén se farán alomenos 24 reunións conxuntas para divulgar determinados aspectos da compostaxe e resolver dúbidas. O montante económico do acordo será dun máximo de 85.320 euros.

Esta cantidade económica súmase aos máis de 306.000 euros cos que a Deputación xa subvencionou a Mondariz para adquirir composteiros individuais (COIN), colectivos e materiais complementarios. De feito, para completar o salto total á compostaxe, o concello solicitara á Deputación 1.200 COIN e accesorios complementarios, 20 COIN de grande capacidade, 84 unidades modulares de compostaxe para composteiros comunitarios e as súas ferramentas, así como fondos para executar as obras civís das plataformas e o acondicionamento do contorno dos centros comunitarios, xunto con un camión grúa e trituradoras de poda para proveer de estrutúrante. A subvención superou o 89 % dos fondos solicitados.

O vicepresidente Mosquera recoñeceu hoxe en Mondariz que "calquera cambio se se quere que vaia con solvencia e potencia non hai máis remedio que financialo", en referencia á importante axuda económica recibida polo concello, que considerou "fondos públicos dos mellor gastados". O nacionalista indicou que foron 36 os concellos adheridos ao Plan Revitaliza da Deputación, pero só cinco os que decidiron implantar en cabeza a compostaxe como sistema xeral de xestión de lixo. "Aos cinco concellos que se adheriron á fase II intentámoslle dar todas as facilidades: Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Vilaboa e O Grove. Os demais terán facilidades, pero non as mesmas. Hai que primar a quen toma a decisión de meterse de primeiro. Hai que estimulalo e primalo porque en certo modo algún desaxuste ou dificultade para botar a andar pode sufrir e os que veñan detrás xa terán a experiencia dos primeiros", destacou.

Sobre o convenio con Amigos da Terra, Mosquera dixo que o despregue da compostaxe farase "persoa por persoa, familia por familia, produtor por produtor", o que leva os seus tempos para que a veciñanza coñeza o sistema correctamente, reciba o asesoramento e vexa as súas vantaxes. "A clave do Plan Revitaliza é que o persoal especializado se encargue do control para que todo saia ben. Iso é básico", destacou.

Mondariz, un exemplo que funciona

Pola súa parte, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín destacou que o Plan Revitaliza da Deputación para o Concello de Mondariz supón dar un servizo máis a veciñanza, facer un concello medioambientalmente sostible e tamén economicamente, xa que un dos servizos que máis custa ás arcas locais na actualidade é a recollida de lixo: "Non ten sentido estar a tirar cos cartos cando se poden xestionar mellor e tamén se pode xestionar mellor o noso lixo".

O rexedor explicou que o Goberno local tomou a decisión de apostar pola compostaxe e adherirse ao Plan Revitaliza "porque entendiamos que era unha oportunidade única" que ten visos de ser un grande éxito no municipio. "A cousa vai saír ben porque as veciñas e veciños tamén o entenden moi ben. A xente coa que temos falado das parroquias, incluso a xente maior que era á que máis medo lle tiñamos, o aceptan perfectamente porque xa era algo que facían eles nas súas casas hai 30 anos", explicou.

Así mesmo, Montes Bugarín recoñeceu que o Plan Revitaliza é un "antes e un despois" na recollida selectiva na provincia, no país e no Estado. De feito, sacou peito de que Mondariz vai ser un dos poucos concellos do Estado que chegue a tempo para cumprir os prazos dos novos cambios na lexislación de residuos, que esixen que no ano 2020 o 100 % dos biorresiduos se composten ou se recollan de maneira separada, e que o 50 % do lixo municipal estea preparado para reciclar ou reutilizar, eliminando o colector verde tal e como se coñece na actualidade. "Seguramente sexamos dos primeiros que cumpramos coas porcentaxes que esixe a Unión Europea e a lei estatal. Tarde ou cedo todos os concellos o van ter que facer e nós queremos ser unha mostra de que as cousas se poden facer e de que non se pode demorar moito máis. Estamos en tempo de facer as cousas ben. É unha oportunidade e temos que facelo moi ben porque temos que ser un exemplo", finalizou.

Pola súa banda, a presidenta de Amigos da Terra, Raquel Fernández, manifestou a súa satisfacción por colaborar nun proxecto que une a diferentes administracións e que axuda a tecer unha rede en prol dunha mellora para a xestión de lixo e medioambiental do país. Fernández indicou que Amigos da Terra iniciou o traballo en compostaxe hai 14 anos cando "se nos miraba como bichos raros porque non se miraba moi ben cal era o sentido de facer compostaxe, senón que era case un atraso, cando na realidade vese que funciona, que é economicamente viable, que é sostible ambientalmente, que colabora en volver a tecer grupos e comunidade dentro dos propios concellos, axuda a coñecer á súa veciñanza e axuda a que a xente se implique nos procesos de xestión habitual, que é algo que se perdeu".