Noticias

Mohamed El Amine, Elena Matamoro, Rosa Pardal e Alba Castillo, premiados coas bolsas Novos Valores 2019

O xurado seleccionou dúas pezas da modalidade de varios, unha fotografía e unha escultura como as mellores obras de entre as 110 presentadas


09 xullo 2019
Xurado Novos Valores 2019

Mohamed El Amine Asselman, coa obra ‘Ordersound', Elena Matamoro Gómez de los Infantes, coa peza ‘La mirada que escucha', Rosa Pardal Aragunde, coa fotografía ‘Habitación nºA', e Alba Castillo Costa, coa escultura denominada ‘Maleza' resultaron gañadores das catro bolsas do certame Novos Valores na súa edición de 2019. O xurado considerou que as pezas presentadas, xunto coas propostas de proxectos a desenvolver, e a traxectoria das persoas gañadoras (todos eles estudantes, máster ou doutorandos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo) merecían o recoñecemento de entre as 110 persoas participantes no concurso.

Ademais das e dos bolseiros, que recibirán 7.500 euros cada un para estudos artísticos, o xurado tamén seleccionou outras 31 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2019, que finalmente abrirá no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a partires do 8 de agosto e ata o 15 de setembro. Alí poderanse admirar en total 7 obras de pintura, 9 de fotografía, 3 debuxos, 5 esculturas, 1 vídeo,  7 gravados, e 3 pezas de varios.

O director do Museo, Jose Manuel Rey, quixo valorar o grande número de obras presentadas a esta edición, a existencia de moi diferentes traballos en todas as disciplinas artísticas, así como a súa calidade, que se amosará ao público na mostra do Museo.

A obra de Mohamed El Amine Asselman ‘Ordensound' é unha peza incluída na modalidade de varios que pretende ser un intento de unión entre a música e os mosaicos xeométricos por ter unha estrutura moi parecida. Segundo o propio autor, os mosaicos pretenden ser unha linguaxe propia para traducir visualmente a música, presentándose cinco pezas enrolladas en bobinas de latón e expandidas no espazo.

A intención de El Amine Asselman é dedicar a bolsa á finalización da súa tese doutoral e á creación de obras pendentes, así como a desenvolver o concepto ‘ordensound' investindo en libros de música, encontros e desenvolvemento de novas propostas.

‘La mirada que escucha', de Elena Matamoro, é tamén unha creación relacionada coa música. De feito, a autora defínea como parte dun proxecto de investigación en arte sonora iniciado en 2017 que pretende representar a aleatoriedade da natureza en sons. Así, mediante a observación, rexistro e análise da forma en cada imaxe realiza unha tradución subxectiva á escritura musical en pentagramas, claves e notas.

A intención de Matamoro é dedicar a súa beca a seguir investigando sobre o mundo da arte sonora "buscando os son interiores das cousas dándolle a oportunidade de sonar".

‘Habitación nºA' é a fotografía seleccionada polo xurado e realizada por Rosa Pardal Aragunde. Pertence a unha colección de fotografías nas que amosa unha visión persoal sobre a contorna rural e "na que se ve representada a autocreación dunha muller saída do seu cadro e cosendo a súa propia vestimenta", abondando na reflexión sobre construírse a si mesma, "ao seu gusto e sen nada que agardar das opinións dos demais".

Pardal Aragunde pretende destinar a súa bolsa a rematar o traballo que leva realizando dende 2017 dado o alto custe do material empregado para a toma das imaxes, na preparación de espazos, atrezzo e persoal.

Finalmente, a obra de Alba Castillo Costa, ‘Maleza', é unha escultura que mostra a paradoxa dun mundo real no que a natureza e o natural carecen de sentido e no que cada vez todo é máis artificial. "É por isto –di a autora- que a maleza, a espesura, o horror vacui de plantas, resalta en partes con material de ouro –por excelencia na ornamentación barroca- que nos fai fixar a mirada para atoparnos cuns ollos que nos observan. Maleza é o que nos invade, o que nos rodea e a través do que nos podemos agochar".

Tamén sinala que cada unha das súas pezas garda a esencia do seu propio autorretrato no que se representa como elemento natural animado e doce, rodeado á súa vez de elementos punzantes a modo de protección.

En canto á bolsa, Castillo explica que pretende desenvolver a súa formación no Taiwan Ceramic Center para aprender técnicas escultóricas específicas deste territorio asiático, xa que aínda que o seu traballo abrangue tamén pintura e ilustración "o encontro co material cerámico brindoume un mundo de posibilidades estéticas e creativas para dar volume e forma aos meus personaxes".

O xurado que fixo gañadoras a estas propostas estivo composto polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey García; a artista e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e Deporte de Pontevedra, Itziar Ezquieta Llamas; a crítica e comisaria de arte Mercedes Rozas Caeiro; a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Silvia García González; a crítica e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Susana Cendán Caaveiro; o deputado da Deputación de Pontevedra Carlos López Font; o secretario da Deputación de Pontevedra, Carlos Cuadrado Romay; e o director do Marco, Miguel Fernández-Cid Enríquez. 


Novas relacionadas