Noticias

A Deputación adxudica a mellora da drenaxe da EP-0604 Casalvito-O Pereiro, no concello de Poio

A actuación, que suporá unha mellora na seguridade viaria, inclúe a instalación de cunetas tendidas e dunha gabia de saneamento


13 decembro 2020
Xunta de Goberno 11-12-2020

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación das obras, por valor de 41.045 euros, para a mellora da drenaxe lonxitudinal da estrada provincial EP– 0604 Casalvito – O Pereiro, no concello de Poio. Estas obras de preservación, adxudicadas á Servicios Medioambientales Miño S.L., teñen un prazo de actuación de 3 meses e desenvolveranse nos 780 metros iniciais da estrada provincial EP-0406 ao seu paso polo núcleo.

Coa cesión procederase á limpeza e roza das marxes, á demolición do firme asfáltico (coa consecuente carga e transporte de escombros), á formación da gabia drenante, á canalización do saneamento, á subministración e colocación de "cunetas tendidas", así coñecidas porque, no contexto da nova filosofía de "estradas que perdoan" permiten incrementar a sección da vía e, por tanto, a seguridade viaria, en situacións de emerxencia como o cruzamento con vehículos pesados e, ademais, o tránsito de peóns.

Ademais, as obras ocuparanse da limpeza dos tramos da tubaxe soterrada existente nas beiras, nas entradas para as vivendas, obras de drenaxe transversal, "repaso" dos cruces de vías lindeiras e, finalmente, xestión de residuos. A obra encádrase no modelo de mobilidade amable, segura e sostible da Deputación de Pontevedra e no Decálogo de Actuacións na rede provincial de estradas.

A EP-0604, que comunica os núcleos de Casalvito e O Pereiro ten unha lonxitude total de 1.287 metros e soporta tráfico cunha intensidade media diaria de 1.522 vehículos, dos que apenas un 2% son pesados.