Noticias

Meis recibe 80.000 euros ao abeiro do "Plan Concellos 2017" da Deputación para facer fronte a diversos investimentos na vila

Cunha achega próxima aos 350.000 euros, a institución provincial xa leva entregado o 72 % do importe total de Meis dentro do Plan Concellos


27 xuño 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, catro novas achegas ao Concello de Meis ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017", que ascenden a un importe total de 80.181,17 euros. Con estas axudas, o Concello de Meis poderá realizar obras na rede de saneamento e para a reposición de firmes no lugar de Pompeán (cun investimento de 39.979,08 euros) e facer fronte á adquisición dunha rozadoira de brazo (con 21.719,50 euros da institución provincial), dun vehículo 4x4 (cunha achega de 14.638,23 euros) e tamén de mobiliario para a Casa de Escudeiro (valorado en 3.844,36 euros).

A maiores, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Concello de Meis outros 85.625,60 euros en liña 1 para a subministración dun tractor, de equipamento deportivo e de maquinaria para roza e poda, outros 71.300,17 euros en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e, por último, 106.950,25 euros na liña 3 de Emprego para a creación de 10 postos de traballo que garantirán o desenvolvemento dos distintos servizos municipais desta vila.

Coa suma destas novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Meis xa pasa da metade, ao xa ter recibido o 72,4 % do total do investimento. Isto supón que a vila xa dispón de 344.057,19 euros dun total de máis de 475.000 euros.