Noticias

Meis estrea a recuperación do espazo público acadada coa mellora da EP-9402 e do mercado de abastos, financiadas co apoio da Deputación

Unha cata musicada no marco do programa "Meusviños" puxo o broche á inauguración destas obras deseñadas ao abeiro do modelo da institución provincial, na que participaron a presidenta Carmela Silva e a alcaldesa Marta Giráldez


23 outubro 2021
Visita a Meis

O concello de Meis estreou hoxe a renovada imaxe no núcleo de Mosteiro que loce tralas obras de recuperación do espazo público na EP-9402 e a reforma do mercado de abastos, que superaron en total os 300.000 euros, financiadas co apoio da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, participou xunto á alcaldesa Marta Giráldez neste acto de inauguración, que tivo como marco a celebración dunha cata musicada no mercado dentro do programa Meusviños.

Coa mellora da seguridade viaria na EP-9402 O Mosteiro-Barrantes, a institución provincial vén de dar solución ao histórico problema de inundacións que arrastraba este viario no núcleo do Mosteiro, derivadas da deficiente execución dunha obra feita fai anos, e que supón o cumprimento do compromiso adquirido polo goberno provincial. Os traballos abrangueron un tramo de 250 metros e a actuación supón unha importante transformación na estrada actual baixo o modelo de mobilidade segura, accesible e amable da institución provincial.

 A obra contemplou para os primeiros 70 metros a habilitación dunha plataforma de uso compartido con preferencia peonil, dando deste xeito continuidade á actuación realizada na praza de España da vila a través do Plan de Reequilibrio, ,mentres que no resto do ámbito preveuse tamén outra plataforma de convivencia con preferencia para as persoas, renovouse o firme da estrada e reforzouse a seguridade viaria mediante a adecuación de beirarrúas e a execución dun paso de peóns sobreelevado. Tamén se reforzaron a sinalización e a integración ambiental, soterráronse as redes de electricidade e iluminación pública e renováronse as luminarias en todo o treito para mellorar a eficiencia enerxética con luces led.

No caso do mercado de abastos, as obras realizadas este singular inmoble permiten abrilo como espazo multiusos e conectan este equipamento coa actuación realizada na contorna. Os traballos, que veñen de dar unha nova imaxe ao inmoble coa nova sinalización, tiñan como obxectivo suprimir as barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade, así como a implantación dunha zona para xestionar os residuos e reducir o impacto medioambiental. As distintas actuacións buscaban mellorar o funcionamento do equipamento e  xerar un novo concepto de mercado que permita a mellor promoción de produtos de proximidade e ecolóxicos do concello e a comarca.

O proxecto levado a cabo incluíu así mesmo a demolición dos espazos de almacenamento no centro da edificación para dar maior visibilidade aos postos, de xeito que se creou un espazo central de convivencia entre as persoas vendedoras e a clientela baixo a cuberta de madeira. Amais, conectouse a plataforma do mercado coa EP-9402 mediante unha escaleira e desta forma mellorouse o acceso ao edificio. Os traballos completáronse coa execución dun novo posto para froristería, a dotación de novos aseos adaptados e o soterrado da canalización do abastecemento, así como a mellora da iluminación do inmoble.

Meusviños

A estrea do novo espazo tivo como marco a celebración da segunda edición de Meusviños, as Xornadas de Autopromoción Vitivinícola de Meis, que incluíu unha cata musicada amenizada polo grupo Los Taninos, liderado polo chef Pepe Solla xunto a Eladio Santos e Nicolás Pastoriza, e a degustación de cinco viños de adegas de Meis.. Foron cinco as firmas que se sumaron á iniciativa: Mar de Frades; Pazo Cilleiro, Laureatus, Terras de Asorey e Pazo Señoráns.

Fotos