Noticias

O IDAE revalida a aposta da Deputación pola mobilidade sostible e confirma máis de medio millón de euros para o proxecto na EP-1104 Moaña-Coiro

A actuación de recuperación de espazo público e mellora da mobilidade peonil, que xa está execución, ten un orzamento total de 690.000 euros


30 novembro 2021

O Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) volve a revalidar a aposta da Deputación polo seu modelo de mobilidade segura, amable e sostible que busca reducir a pegada de carbono na provincia e priorizar ás persoas no espazo público. Nesta ocasión faino coa concesión dunha nova achega que ascende aos 514.200 euros para financiar o proxecto de recuperación de espazo público e de mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro, que xa está en execución. A actuación ten un orzamento total  de 690.000 euros polo que o IDAE asume o 74,5% do coste e a Deputación e o concello aportarán os 175.800 euros restantes.

As obras nesta estrada provincial contemplan a ampliación da plataforma de circulación e a execución dunha senda peonil en ambas marxes ademais dunha zona de convivencia de prioridade peonil naquelas áreas nas que non sexa posible levar a cabo esta senda. As obras, que se están a realizar nun tramo de 580 metros, comprenden tamén o cambio de iluminación enfocada ao aforro enerxético

Con esta subvención, as axudas concedidas polo IDAE no que vai de ano e xestionadas pola Deputación de Pontevedra chegan aos 6,7 millóns de euros, destinados a 30 concellos da provincia e unha entidade local. Deles 2,3 millóns están a servir para a mellora das infraestruturas provinciais e a redución da pegada de carbono, 4 millóns teñen como destino a eficiencia enerxética e a iluminación exterior sostible e preto de 390.000 euros están destinados para o uso térmico en infraestruturas e instalacións municipais.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).