Noticias

Medio centenar de mulleres da Estrada e Lalín participan en tres accións formativas do programa "Conectadas 2018"

A Estrada acollerá un curso de pintura e en Lalín impartirase formación sobre alfabetización dixital, centrada en Internet, o correo electrónico e o manexo de dispositivos intelixentes, e sobre ximnasia de mantemento


31 xullo 2018
Conectadas

Esta semana ata medio centenar de mulleres da Estrada e Lalín comezarán os cursos programados ao abeiro do programa "Conectadas 2018", unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada á promoción e desenvolvemento das mulleres. Deste xeito, na Estrada impartirase un curso de pintura e en Lalín de alfabetización dixital e ximnasia de mantemento.

Máis polo miúdo, mañá comezará a acción formativa de pintura na Casa da Escola de Ribeira da Estrada. Trátase dun curso dirixido ás mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira que terá lugar os mércores de 20 a 23 horas, en agosto e setembro, e os venres, na mesma franxa horaria, a partir do 26 de setembro.

Pola súa banda, o venres comezará a formación en alfabetización dixital, internet, correo electrónico e manexo de dispositivos intelixentes no lugar de Lodeiro, en Castro de Abaixo de Lalín. Este curso, dirixido ás mulleres da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural Deza, terá lugar os luns e venres de 16 a 18 horas. En canto á acción formativa de ximnasio de mantemento, na que participarán mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade Moneixas, o inicio tamén terá lugar o venres no Centro Social do lugar de Outeiro, Moneixas, e impartirase os martes e venres de 20 a 21 horas.

"Conectadas 2018" é o programa da Deputación de Pontevedra destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento das mulleres, ao igual que o seu tecido asociativo, e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes.

Esta terceira edición conta cun orzamento de 324.000 euros e vanse desenvolver 46 accións formativas distribuídas en 8 bloques temáticos: "Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego", "Muller e cultura: Artes Visuais", "Actualízate", "Coas túas mans", "Porque ti o fas", "Súmate ao cambio", "Ponte en forma" e "Coidados persoais".

No ano 2017 beneficiáronse do programa "Conectadas" un total de 343 entidades pertencentes a 60 concellos da provincia, o que supuxo que preto de 5.500 persoas participaron nesta iniciativa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.