Noticias

Marín acolle a segunda cita do programa da Deputación de Pontevedra "Depo RúARTE 2017"

O sábado 24 na Alameda, entre as 17 e as 20 horas, as mozas e mozos maiores de 12 anos poderán practicar breakdance, turntablism DJ e beatbox, deseñar graffitis e personalizar gorras


21 xuño 2017
DepoRuarte

A Alameda de Marín acollerá o vindeiro sábado, día 24 de xuño, a segunda cita do programa "DepoRúARTE 2017", impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do servizo de Cohesión Social e Xuventude, que ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana para a mocidade da provincia. Ao evento asistirá a deputada de cohesión social e xuventude Digna Rivas.

Todas as mozas e mozos de Marín e da comarca están invitados a participar nestes obradoiros. Só teñen que acercarse a partir das 17 horas á Alameda marinense.

Trátase da segunda edición deste programa que, este ano, incluíu unha serie de modificacións para facelo máis atractivo para a mocidade. Por iso, a segunda edición, que comezou en Nigrán e agora chega a Marín, concentrarase nunha mesma xornada, entre as 17 e 20 horas, na que, a través das iniciativas MusicARTE, UrbanARTE e CreARTE, as mozas e mozos maiores de 12 anos poderán aprender cuestións relativas ao breakdance, turntablism DJ, beatbox, creación de graffitis e personalización de gorras. Ademais, por vez primeira o programa terá un compoñente inclusivo, para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de "Depo RúARTE".

A primeira edición de "Depo RúARTE" ofreceu 20 obradoiros en distintos concellos da provincia que comprendían dende música ata cociña, deporte, arte urbana, vídeo e un longo etcétera. Este ano, para mellor aproveitamento do programa, a oferta dos obradoiros concentrarase nunha mesma xornada que continuará, tras Marín, en outros concellos: A Estrada, Silleda, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.