Noticias

María Xosé Queizán convida a "pensar,gozar e profanar" nunha exposición inédita na sede da Deputación en Vigo

Carmela Silva: "Nesta mostra vemos unha vez máis o talento, a enerxía creativa, o compromiso social e o espírito valente e innovador dunha muller extraordinaria"


16 setembro 2020
Expo Queizán

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu esta tarde a inauguración da exposición Materiais para pensar, gozar e profanar, unha mostra inédita da obra plástica da escritora, poetisa e ensaísta María Xosé Queizán na que mestura pezas conceptuais e collages con obxectos cotiás, persoais e familiares. "Cambiei o meu modo de comunicar, que é a lingua, por materiais pobres e tanxibles. Expreso ideas tratadas con humor ou retranca, e están presentes a admiración ou a crítica sarcástica", explicou a autora durante o acto.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na súa intervención "o talento, a enerxía creativa e o compromiso social" de Queizán. "Vemos de novo o espírito libre, valente e innovador dunha muller extraordinaria. Esta exposición permítenos coñecer unha parte máis das súas inquedanzas persoais, neste caso non mediante a palabra que tan ben manexa, senón por medio doutras ferramentas artísticas", sinalou a presidenta. 

No acto, con aforo limitado a 30 persoas debido ás medidas de seguridade fronte á COVID-19, ofreceu un pequeno recital musical de Cristal Méndez Queizán, filla da escritora, acompañada á guitarra por Bieito Álvarez Carrero. A mostra, que pode verse na sala Rosalía de Castro da sede, está composta por medio cento de pezas. A súa orixe remóntase a hai máis dunha década, cando a autora empezou a recompilar materiais de todo tipo (caixas, pezas de porcelana, metal, cartóns,…), e con eles deu forma a inusuais e sorprendentes obras de arte ás que outorgou un novo significado. "Entre os obxectos expostos está a bandurria do meu pai, o suxeitador de voda da miña nai, o retrato da tía Marucha ou o coador de café do tíoi Moncho", contou Queizán, para engadir que a través da exposición "maniféstanse os meus criterios e a miña vida".

A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de outubro na sede viguesa da Deputación (situada na Rúa Eduardo Chao do Casco Vello), descobre unha nova faceta da narradora, ensaísta, columnista e poetisa, que complementa o perfil, xa de por si poliédrico, desta pioneira da narrativa feminina en galego.

"Voz literaria imprescindible e referente feminista"

A presidenta da Deputación resaltou a contribución de Queizán á cultura de Galicia e cualificouna como "unha voz imprescindible na literatura en galego, e un referente no pensamento feminista, unha muller pioneira que marcou o camiño para moitas outras". Carmela Silva animou á veciñanza a adentrarse no universo persoal da autora a través desta mostra e destacou tamén a aposta da Deputación pola cultura, o compromiso social e a igualdade na súa nova sede en Vigo.

Desde a súa apertura en xaneiro a sala Rosalía de Castro acolleu as exposicións "Sempre marzo" e "8M: a palabra empoderada das mulleres". Agora estrea "Materiais para pensar, gozar e profanar", e a súa programación incluirá pronto novas actividades. "Esta é unha sede dinámica, integrada na cidade, que quere contar con todas e todos, e ser un novo referente da participación e dinamización da vida social e cultura de Vigo", subliñou a presidenta provincial.