Noticias

"Maria Vinyals. Un talento rebelde" chega ao IES de mos e ao IES Primeiro de Marzo de Baiona da man da Deputación de Pontevedra

Os actos de presentación celebraranse este martes 9, e o mércores 10 de abril, con case 200 estudantes dos cursos de 1.º e 2.º da ESO


08 abril 2019
Maria Vinyals. Un talento rebelde

Coa presenza da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, a Deputación de Pontevedra presentará este martes 9 de abril, ás 11 horas, o libro María Vinyals. Un talento rebelde no IES de Mos, diante de 136 alumnas e alumnos de 2.º da ESO. Ao día seguinte, ás 13 horas, chegará ao IES Primeiro de Marzo de Baiona para presentarse ante 54 rapazas e rapaces de 1.º da ESO. O obxectivo destes dous actos é dar a coñecer a historia de María Vinyals e levar o seu legado a prol da igualdade aos centros educativos da provincia.

A obra está escrita por Isabel Blanco, ilustrada por Luz Beloso, editada pola editorial Belagua, e conta co asesoramento histórico de Silvia Cernadas. A Deputación colaborou na edición e impresión da primeira edición, da que saíron 1.500 exemplares, que se están a distribuír integramente nos centros educativos, mentres que as próximas edicións que se fagan xa se comercializarán.

Ademais da distribución desta obra, a institución provincial tamén está a organizar charlas-coloquio sobre María Vinyals, onde persoas expertas na súa vida afondan na súa figura e dan a coñecela mellor entre as e os escolares. Con esta iniciativa, o que se pretende é seguir reivindicando a figura de María Vinyals, unha pioneira na defensa da igualdade entre homes e mulleres que deixou unha forte pegada na provincia de Pontevedra, en Galicia e no mundo enteiro.