Noticias

"Maria Vinyals. Un talento rebelde" chega ao Centro Penitenciario da Lama da man da Deputación

Ao redor de 60 alumnas e alumnos do Centro Público de Promoción e Educación para adultos "Nelson Mandela" do Centro Penitenciario asistirán á presentación


19 marzo 2019
Maria Vinyals. Un talento rebelde

Coa presenza da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, a Deputación de Pontevedra presentará este mércores, ás 17.00 horas o libro "María Vinyals. Un talento rebelde" no Centro Público de Promoción e Educación para adultos "Nelson Mandela" do Centro Penitenciario da Lama. O obxectivo deste acto, no que participarán ao redor de 60 alumnas e alumnos do "Nelson Mandela" é, ademais de dar a coñecer a historia de María Vinyals, levar o seu legado a prol da igualdade aos centros educativos da provincia.

A obra está escrita por Isabel Blanco, ilustrada por Luz Beloso e editada pola editorial Belagua, contando co asesoramento histórico de Silvia Cernadas. A Deputación colaborou na edición e impresión desta primeira edición, da que saíron 1.500 exemplares, que se están a distribuír integramente nos centros educativos, mentres que as próximas edicións que se fagan xa se comercializarán. Ademais da distribución desta obra, a institución provincial tamén está a organizar charlas-coloquio sobre María Vinyals, onde persoas expertas na súa vida afondan na súa figura e dan a coñecela mellor entre as e os escolares.

Con esta iniciativa, o que se pretende é seguir reivindicando a figura de María Vinyals, unha pioneira na defensa da igualdade entre mulleres e homes que deixou unha forte pegada na provincia de Pontevedra, en Galicia e no mundo enteiro.