Noticias

María Victoria Moreno sobe a escena esta fin de semana da man de Matrioshka Teatro en Poio e Cambados

'Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos', poderá verse o sábado no Centro Cultural Xaime Illa de Poio e o domingo no Auditorio Municipal de Cambados


11 maio 2018
María Victoria Moreno

O Centro Cultural Xaime Illa de Poio acollerá mañá ás 21 horas a primeira representación de Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, das dez que Matrioshka Teatro levará pola provincia no marco do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra. Ao día seguinte, poderá verse no Auditorio Municipal de Cambados ás 19 horas. A obra, que está indicada para público maior de 14 anos, homenaxea a vida e a traxectoria de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Esta representación forma parte da programación teatral que baixo o título "María Victoria Moreno a escena!", o Departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia de Pontevedra, e que conta cun total de 60 actuacións a cargo de seis compañías de teatro. No caso concreto de Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, despois de pasar por Poio e por Cambados, continuará o seu percorrido por Catoira, Moaña, Gondomar, Redondela, Ribadumia, Lalín, Tomiño e Ponteareas.

O título da obra, Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, é unha frase seleccionada da obra Diario da luz e da sombra e que corresponde á definición que a autora dera de si mesma.  Con esta proposta escénica Matrioshka Teatro homenaxea e escenifica a vida e a traxectoria de María Victoria Moreno, cun espectáculo que toca todos os aspectos que foron importantes para a escritora como son a literatura, o ensino, os animais e a natureza, ao tempo que pretende homenaxear as figuras de referencia que todas as persoas teñen nalgún momento da vida, nomeadamente mestres e mestras.

Esta obra pon enriba das táboas un espectáculo protagonizado por tres actrices de recoñecido prestixio, Chelo do Rejo, Anabel Gago e Lorena Conde, esta última alumna da propia María Victoria Moreno. Nesta montaxe, Matrioshka, ao igual que en toda a súa traxectoria, tamén aposta polo recoñecemento de voces e visións femininas na escena galega, tanto a través do equipo da propia compañía como das obras que poñen en escena, e neste caso consideran a que a autora constitúe todo un referente en varios frontes: tanto como referente feminino e pioneira da literatura infantil e xuvenil, como na súa sensibilidade literaria e no seu amor á cultura galega.

O cartel de "María Victoria a escena!", ademais de Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos de Matrioshka Teatro; inclúe Anagnórise, producida por Editorial Galaxia e representada por Limiar Teatro, que utiliza un desguace como escenario para ir percorrendo toda a road movie que narra a historia da obra orixinal. Ambas indicadas para público maior de 14 anos.

Para público familiar contempla Mar adiante adaptada por Odaiko Teatro; Romance de cans de Viravolta Títeres–Seisdedos, baseado no conto Can branco, can negro; Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno, un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo Polo Correo do Vento; e a adaptación de Leonardo e os fontaneiros, producida tamén pola Editorial Galaxia e que pon en escena Ubu Teatro.

Fotos


Novas relacionadas

María Victoria Moreno a escena!!!

25 maio 2018, teatro, ano da lingua, maría victoria moreno