Noticias

Margarita Ledo é galardoada co Premio Otero Pedrayo

É a primeira muller á que se lle concede este galardón desde que se crearon os premios no ano 1977


12 decembro 2017
Xurado Otero Pedraio

A académica, cineasta e catedrática Margarita Ledo Andión converteuse na primeira muller á que se lle outorga o Premio Otero Pedrayo nos 40 anos de historia deste galardón. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, foi realizada pola Deputación de Pontevedra, entidade encargada de convocar e conceder o premio na edición 2017. "Hoxe é un día feliz para a Deputación de Pontevedra e para a cultura galega, porque por primeira vez se lle concede este premio a unha muller, por méritos máis que sobrados e pola súa capacidade de defensa do idioma e da cultura galega" asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. A máxima responsable da institución provincial e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, foron os encargados de transmitirlle telefonicamente a noticia á propia Margarita Ledo ao remate da xuntanza do xurado.

Na conversa, Carmela Silva, ademais de felicitala, aproveitou para comentarlle á gañadora que "houbo moitísimas intervencións durante a reunión, porque todos os membros do xurado quixeron intervir e falaron con moitísimo agarimo e con moitísimo respecto sobre a túa traxectoria". Silva engadiu que "saímos todos e todas felices, como se o premio fose noso, sobre todo as mulleres". Pola súa banda o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quixo trasladarlle os parabéns "por ser pioneira unha vez máis". Leal insistiu en que "moitas veces ser pioneira só se valora con perspectiva, e eu creo que o premio deste ano vai abrir un camiño para que a visibilidade da muller estea máis presente en todas as facetas da cultura".

Na reunión do xurado, que tivo lugar esta mañá na sala de xuntas do Pazo provincial, participaron a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o director do Museo, Carlos Valle, en representación da Deputación de Pontevedra. En representación da Deputación da Coruña asistiron a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, e a escritora Mercedes Queixas. En representación da Deputación de Lugo, a deputada de Cultura, María Pilar García Porto, e Primitivo Iglesias. En representación da Deputación de Ourense, o deputado Manuel Doval Soto, e Alfonso Vázquez-Monxardín. Por parte da Xunta de Galicia, asistiron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o escritor Luis González Tosar. Por parte da Universidade de Vigo, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; pola Universidade de Santiago, María Xesús Nogueira Pereira; pola Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro; pola Real Academia Galega, Fina Casalderrey; e polo Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento', Pablo Otero Piñyero.

Defensa da cultura galega

No informe da súa proposta, a Deputación de Pontevedra destacou especialmente de Margarita Ledo Andión "a súa traxectoria vital, profesional e intelectual marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos." Tamén salientou que "foi pioneira en centrarse en investigacións e xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos na Galiza e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas." Por último, tamén se referenciou que "foi unha defensora, a través de toda a súa traxectoria, do idioma galego con valor identitario e cultural de seu, e en pé de igualdade cos demais idiomas da península Ibérica e do mundo."

Margarita Ledo Andión naceu en Castro de Rei, Lugo, no ano 1951, e é escritora, cineasta, doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona e catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega desde o ano 2009, converténdose na quinta muller membro desta institución. Ademais ocupa a cadeira que entre 1929 e 1976 ocupara o gran escritor Ramón Otero Pedrayo.

O premio

O Premio Otero Pedrayo 2017 foi convocado oficialmente o pasado 24 de maio. Tal e como establece o regulamento, neste exercicio a convocatoria atribuíuselle á Deputación de Pontevedra. Hai que lembrar que o obxecto deste galardón é o de perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia no campo das letras e do coñecemento,  premiar un labor que constituía unha contribución eminente á cultura galega, e promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións. 

A este premio poden optar as persoas naturais nacidas ou residentes en Galiza ou con cumprida raizame nela, os grupos de traballo radicados no noso país ou constituídos para promover a cultura galega, e as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e o mantemento da cultura galega.

Fotos

Audios

  • Audio
    Declaracións de Carmela Silva e Xosé Leal