Noticias

Máis dun centenar de mozas e mozos de Caldas de Reis gozaron dunha nova xornada de "Depo RúARTE 2017"

A praza das Palmeiras acolleu esta tarde obradoiros de breakdance, turntablism DJ e beatbox, deseño de graffitis e personalización de gorras


01 xullo 2017
Depo RúARTE en Caldas

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas asistiu esta tarde á terceira xornada do programa "Depo RúARTE 2017", que está a promover a cultura urbana entre a mocidade da provincia de Pontevedra.

A praza das Palmeiras de Caldas de Reis recibiu a mozas e mozos maiores de 12 anos que participaron neste programa impulsado polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial. "Depo RúARTE 2017" ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana.

As máis de cen mozas e mozos asistentes practicaron diferentes modalidades artísticas enmarcadas en MusicARTE, UrbanARTE e CreARTE. En canto a MusicARTE ofrecéronse tres obradoiros relacionados coa creación musical. O primeiro deles, breakdance, estivo centrado no ensino e aprendizaxe das técnicas deste estilo de baile urbano; o segundo, turntablism DJ vertebrou arredor do movemento que realizan os DJ de Hip-Hop cos vinilos ata adiante e atrás para crear composicións sonoras; e o terceiro, o beatbox, consistiu na creación de música coa boca.

Pola súa banda, a través de UrbanARTE ofreceuse un obradoiro para a creación e elaboración de pinturas coa base dos graffiti co fin de comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro. Ademais, con CreARTE os participantes personalizaron as súas gorras mediante debuxos elaborados na parte frontal das mesmas.

A segunda edición de "Depo RúARTE" inclúe unha serie de novidades, como agrupar tódolos obradoiros nunha mesma xornada, co obxectivo de facelo máis atractivo para a mocidade. Ademais, por vez primeira, o programa ten un compoñente inclusivo, abrindo a participación a mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional.

Tralo seu paso por Nigrán, Marín e Caldas de Reis, o programa recalará o vindeiro 15 de xullo, entre as 17 e as 20 horas, en Vilagarcía de Arousa e continuará os vindeiros meses, entre outros concellos, en Silleda, A Estrada, Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.