Noticias

Máis de 800 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En Ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 8 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


20 xullo 2018
En Ruta coa Depo

O programa "En Ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 11 novas excursións na que participan 810 persoas de 8 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas do Club Covelo Patinaxe Artística visitarán Combarro, a ruta dos Muíños da Freixa, o Parque dos Sentidos de Marín e o Lago de Castiñeiras.

Pola súa banda, 270 persoas pertencentes á Asociación de mulleres en igualdade de Poio, á Asociación de veciños San Andrés de Barrantes, á Asociación Cultural e de veciños Santa Bárbara de Portela e á Asociación Mulleres Rurais "Caselas" poderán coñecer a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Tamén, 54 persoas da Agrupación Cultural Xunco farán a ruta polo Parque de Natureza do río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.

Por outra banda, 54 persoas pertencentes á Asociación Amas de Casa e Cultural "A Barcarola" poderán visitar a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

No caso da Sociedade Cultural Deportiva e Recreativa Helios de Bembrive, 54 persoas coñecerán Arousa, nesta ruta marítima desfrutarán da Illa da Toxa, darán un paseo en barco  pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, 108 persoas da Asociación de Veciños Pardavila visitarán Silleda: castro de Toiriz, mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, fervenza do río Toxa e escenarios da serie O final do Camiño.

Outras 108 persoas da AVCU-CSCR de Beade poderán coñecer Cambados, Cidade Europea do Viño: Museo Etnográfico e do Viño, ruínas de Santa Mariña Dozo, conxunto histórico de Cambados, adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e Museo Muíño de Mareas da Seca.

E xa por último, 108 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda, coñecerán a comarca de Pontevedra, visitarán o Mosteiro de Poio; a igrexa de Augas Santas e fonte medicinal, en Cerdedo-Cotobade; e a praia fluvial, en Ponte Caldelas.

"En Ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia  e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En Ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.