Noticias

Máis de 80 profesionais da viticultura reúnense esta fin de semana en Valença en "A emoción dos viños"

As xornadas de catadura de viños terán lugar o 2 e o 3 de xullo na Quinta de Santa Luzia por mor das obras da Catedral de Tui


28 xuñ 2016

Esta fin de semana, o sábado 2 e o domingo 3 de xullo, terá lugar na localidade portuguesa de Valença do Minho a sexta edición da xornada "A emoción dos viños" organizada pola Asociación para a emoción dos viños. Esta iniciativa que naceu en 2011 ten como obxectivo a "defensa dun viño producido dende o respecto, cun traballo sostible na viña e cunha clara idea de calidade e identidade por enriba da cantidade e do mercado".

O salón, que reunirá a máis de 80 viticultores e viticultoras dende que abra as súas portas ás 11:00 horas do sábado, está emprazado na Quinta de Santa Luzia, un fermoso espazo de mediados do século XIX situado na cunca do río Miño. De feito o salón, malia ter tido que mudar de espazo nesta edición, sempre estivo relacionado directamente co río: as cinco edicións anteriores tiveron lugar no Claustro da Catedral de Tui, a cal se atopa actualmente en obras de rehabilitación. A organización quere, deste xeito, agradecer "a Valença do Minho e aos viticultores e viticultoras portuguesas polo seu constante apoio".

A provincia de Pontevedra ten unha ampla representación entre as firmas participantes, con viños e produtores e produtoras procedentes das zonas do Val do Salnés, O Condado, Ribeiras do Ulla ou O Rosal, entre outras, así como de varias rexións portuguesas, O Bierzo, Ribera del Duero, distintas illas das Canarias ou Jerez, por citar algúns exemplos. As bodegas, en todos os casos, son escollidas, como sinala a organización, por achegar ao público "unha variedade de viños descoñecidos para o gran público. Viños naturais, ecolóxicos ou simplemente verdadeiros que ofrecen unha visión do mundo do viño nada elitista, apegada á terra e á tradición e libre dos males do mercado industrial do viño".

O que non muda nesta ocasión é o horario: de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas o sábado e, o domingo, de 11:00 a 15:00 horas. Antes, na noite do venres, será a quenda da xa tradicional cea previa na que os e as asistentes, tanto profesionais da viticultura coma dos medios de comunicación ou bloggers, pero tamén persoas afeccionadas ao viño, poderán probar o máis novo e o máis interesante do que, a partir do día seguinte, o público en xeral poderá degustar.

O prezo das entradas, que se poden reservar no enderezo electrónico emociondosvinhos@gmail.com (o evento ten un aforo limitado) son os seguintes: 20 € para a dobre xornada, 15 € para a do sábado e 10 € para a do domingo. É precisamente esta última a que ten un maior carácter profesional, ao ser a escollida pola maioría de sommeliers, responsables de compras e comerciantes. Ademais, a organización de "A emoción dos viños" porá á disposición das persoas asistentes un servizo de transporte que sairá dende a parada de autobuses do centro de Tui (fronte ao surtidor de gasolina) ás 10:45 e ás 11:00 horas, hora española, ambos os dous días, e de volta dende Valença ás 21:30 e ás 21:45 horas do sábado e ás 15:30 e ás 15:45 horas do domingo.