Noticias

Máis de 700 persoas participan esta fin de semana no programa provincial "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de once concellos percorrerán recursos turísticos da provincia


18 outubro 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta fin de semana once novas excursións nas que participarán persoas de once concellos da provincia. En concreto serán 702 veciñas e veciños dos concellos do Grove, Redondela, Vigo, Poio, Oia, Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Marín, Cuntis, Sanxenxo e Gondomar.

Máis polo miúdo, este sábado 19, un total de 108 veciñas e veciños do Grove gozarán dunha ruta por Vigo adaptada a persoas con mobilidade reducida da man da Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove. As e os asistentes visitarán o Centro Arqueolóxico Vila Romana de Toralla, o parque de Castrelos, o conxunto histórico e a zona do náutico. O mesmo día, 54 das persoas integrantes da Asociación Sociedade Cultural do Viso de Redondela farán unha ruta cultural polo balneario de Mondariz, o castelo de Sobroso e o castro de Troña, en Ponteareas.

O mesmo día, 54 persoas da Asociación Xaruma de Vigo e outras tantas do Centro Social do Concello de Poio realizarán dúas visitas culturais. Nelas coñecerán A Cañiza, gozando do santuario de Santa María da Franqueira, e Covelo, visitando o Centro de Interpretación da Cera e a Casa-Museo Pazo da Cruz.

Para completar a programación do sábado 19 de outubro, "En ruta coa Depo" 2019 contará tamén cunha saída marítima. Nela, 108 das persoas integrantes da Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougas-Oia visitarán a illa de San Simón así como o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio pasando tamén polo Museo Meirande de Redondela.

O domingo 20 de outubro, serán 54 veciñas da Asociación de Mulleres Rurais de Sabrexo de Vila de Cruces as que farán un percorrido marítimo, neste caso por Arousa e polo Grove. Durante a saída gozarán dun paseo en barco pola ría de Arousa, con degustación incluída, así como de dunha visita ao Museo da Salga e un paseo pola zona e xacemento da Lanzada.

Por outra banda, a Asociación de Mulleres Intercambio do Saber de Marín conta con 54 persoas inscritas para realizar unha ruta cultural polos pendellos de Agolada e Vila de Cruces deténdose no Museo A Solaina de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo. O mesmo día, tamén, 54 veciñas da Asociación de Mulleres Rurais A Nosa Señora do Socorro de Cuntis visitarán Cambados paseando polo seu conxunto histórico e as ruínas de Santa María Dozo, entre outros lugares.

Será tamén o domingo 20 de outubro cando 54 veciñas da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras de Santa Catalina de Portonovo visiten o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío e o Museo Massó de Bueu, entre outras paradas, nunha ruta cultural pola zona. O penúltimo domingo do mes serán 54 as persoas integrantes da Asociación de Veciños Parroquia San Martiño Borreiros de Gondomar as que visiten o Balneario de Mondariz, o castelo de Sobroso e o castro de Troña, en Ponteareas.

Para rematar as actividades desta fin de semana, 54 veciñas da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Avelaiña de Vilagarcía de Arousa realizarán unha ruta temática pola Comarca de Pontevedra. Deste xeito, visitarán o mosteiro de Poio, a igrexa de Augas Santas e a fonte medicinal de Cerdedo-Cotobade e a praia fluvial de Ponte Caldelas.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.