Noticias

Máis de 700 persoas da provincia foron atendidas no 2019 polo servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra

O programa asistiu 739 persoas, 95 máis que no ano anterior. A maior parte das persoas usuarias foron dos concellos do Porriño, Sanxenxo, Tomiño e O Grove


04 febreiro 2020
Teleasistencia

O servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra atendeu un total de 739 persoas no ano 2019, 95 máis que no 2018. O 82 % das persoas usuarias foron mulleres, fronte ao 18 % que representaron os homes. En canto a idade, a maior parte das persoas usuarias, un total de 229, atopábanse na franxa comprendida entre os 86 e os 90 anos. Por concellos, os que acumulan un maior número de usuarios e usuarias no 2019 foron os do Porriño, Sanxenxo, Tomiño e O Grove.

Durante o 2019, o servizo de teleasistencia recibiu 12.175 alarmas, emitiu 56.981 chamadas, resolveu 356 avarías e realizou 435 visitas domiciliarias. A maior parte das alarmas emitidas polas persoas usuarias (un 43,7 %) estaban relacionadas cunha emerxencia sanitaria, mentres que o resto se fixeron por motivos coma a comprobación do funcionamento do sistema ou a comunicación de novos datos. O tempo medio de instalación do servizo foi de 4,99 días.

Ademais das actuacións relacionadas coa atención telefónica das persoas usuarias, o servizo de teleasistencia comprende outras actividades que completan e complementan a citada atención. Trátase de visitas domiciliarias de seguimento, campañas de prevención de timos e estafas e actividades socioculturais dirixidas a facilitar e potenciar o avellentamento dinámico e participativo das persoas usuarias, así como a detectar posibles situacións de risco. En total, 309 persoas participaron neste tipo de actividades durante o ano pasado.

O servizo de teleasistencia permítelles ás persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Con só pulsar un botón dáselles resposta inmediata ás persoas usuarias ante unha situación de emerxencia no fogar, as 24 horas do día e os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.