Noticias

Máis de 70 persoas participarán esta semana no programa Depotermal 2018

Máis de 70 persoas de 3 concellos da provincia gozarán desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que este ano vai a beneficiar a máis de 4.000 veciñas e veciños


23 xuño 2018
Depotermal

Desde este domingo e ata o vindeiro venres 29 de xuño, un total de 73 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán gozar dunha nova edición do programa  "Depotermal", organizado pola Deputación de Pontevedra.

Máis polo miúdo, na modalidade diúrna, participarán 35 persoas que virán do Concello de Meaño. Estas veciñas e veciños acudirán durante cinco días, desde o luns 25, a gozar dos circuítos termais do Balneario Eurostars Illa da Toxa.

Pola súa banda, esta semana participarán na modalidade con pernoita ata 38 veciñas e veciños que sairán dos concellos de Vigo e Pontevedra. Todas e todos eles aloxaranse en réxime de pensión completa, con acceso diarios aos circuítos termais, desde este domingo e ata o vindeiro venres, no Hotel Balneario Baños da Brea.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

Ao igual que nas anteriores edicións, "Depotermal" 2018 conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a institución provincial financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar deste programa.

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra está dirixida a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1968, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou precisan dun respiro familiar.