Noticias

Máis de 600 nenas e nenos da provincia participan nas "DEPOrte Escolas" de judo da Deputación

O novo modelo de funcionamento do programa, no que se impulsaron accións de comunicación para o fomento da participación e visualización, tradúcese en 3 novas escolas de judo


11 oct 2016
deporte escolas
deporte escolas judo

A deputada de deportes, Chelo Besada, inaugurou en Ponteareas as "DEPOrte Escolas" de judo da Deputación nas que están a participar máis de 600 nenas e nenos de 12 concellos da provincia con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos. A inauguración das "DEPOrte Escolas" de judo tivo lugar no concello de Ponteareas, que conta cunha participación de máis de 70 nenas e nenos.

Este ano, como novidade principal e ademais do cambio de imaxe e denominación das escolas deportivas para convertelas nas "DEPOrte escolas", mudou o funcionamento das mesmas co obxectivo de dotalas de transparencia e maior participación, respectando a autonomía municipal, sen competir coas escolas deportivas xa postas en marcha nos concellos da provincia. O renovado programa busca a implantación igualitaria e equilibrada no territorio, a promoción do deporte base, un maior incremento da oferta de iniciación á práctica deportiva, a garantía de que cheguen ós concellos disciplinas deportivas non existentes, que as nenas e nenos poidan acceder ó deporte e, finalmente, a consolidación de todas as escolas que se vaian creando nos distintos concellos.

Este esforzo por converter ás escolas nun programa máis transparente e participativo, impulsando actuacións de comunicación coa finalidade de achegar a información sobre as escolas ás familias, ANPAS e concellos,xa está a dar os seus froitos. De feito, nas 15 "DEPOrte escolas" de judo, tres delas de nova creación, participan este ano máis de 600 nenas e nenos de 12 concellos da provincia (Ponteareas, Gondomar, Valga, Ribadumia, As Neves, Vigo, Redondela, Moraña, Baiona, Oia, Pontevedra e Tomiño).

As "DEPOrte escolas" da Deputación de Pontevedra ofertan as modalidades deportivas de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto. A súa implantación terá lugar de forma progresiva, a medida que a institución provincial teña a todas as nenas e nenos inscritos nas diferentes modalidades. De feito, ademais de judo comezaron tamén as escolas de patinaxe e fútbol.