Noticias

Máis de 50 empresas do sector turístico e da hostalería xa se inscribiron no I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho

As inscricións son gratuítas e pódense realizar a través da páxina www.encontroriominho.eu


11 outubro 2019
Encontro de Ecoturismo e Gastronomia Rio Minho

O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Miño concentrará esta semana na Guarda e Caminha a unhas cento cincuenta persoas, entre expertas e expertos e representantes de máis de 50 empresas, co obxectivo de pór en valor e promocionar os atractivos do territorio transfronteirizo e fortalecer a súa oferta turística, segundo deu a coñecer hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez. "Ao promocionar o Rio Minho de forma conxunta estamos gañando valor e conseguimos ofrecer un produto moito máis atractivo, nun só destino temos dous países con todas as súas riquezas", engadiu o director do AECT Rio Minho. No acto de presentación do encontro, que tivo lugar esta mañá no monte de Santa Trega na Guarda, participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de cooperación transfronteiriza, Uxío Benítez, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o vicepresidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, Guillerme Lagido.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitouse polo enorme esforzo das administracións públicas e o sector privado para lanzar unha iniciativa coma esta. "O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía é o inicio de algo moito máis grande, ir construíndo este destino que é a marca Rio Minho", destacou a presidenta.

O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho e esta é a primeira gran actividade da marca Rio Minho desde a súa presentación o pasado mes de abril. O obxectivo do encontro é viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo para poder atraer a un maior número de visitantes mediante a diversificación da oferta con produtos turísticos específicos do entorno.

Programa

O 17 de outubro o Centro Cultural da Guarda acollerá o I Congreso de Turístico do Rio Minho, dirixido a profesionais do sector do turismo, xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública. Durante a sesión de mañá haberá tres mesas temáticas sobre: creación de marcas, márketing dixital aplicado ás empresas turísticas e institucións públicas e casos exitosos de turismo transfronteirizo. A sesión de tarde estará centrada na creación de alianzas ente o sector, e ás 17:00 horas as e os participantes dividiranse en varios grupos de traballo para recibir unha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.

Por outra banda, a gastronomía será a protagonista do día 18 en Caminha coa I Xornada Gastronómica do Rio Minho. O evento desenvolverase no Museo Municipal de Caminha e os seus exteriores, se a climatoloxía o permite. A cita comezará, ás 11:30 h (hora galega), cun debate sobre gastronomía e turismo no que participarán os dous prestixiosos chefs Alberto González Prelcic, do Grupo Nove, e o seu colega portugués, Álvaro Costa. A continuación terá lugar un showcooking dirixido exclusivamente a profesionais do sector no que se elaborarán novidosas receitas a partir de produtos do territorio. Xa pola tarde, as actividades estarán dirixidas ao público xeral e haberá catas de viños e cervexas e microcharlas sobre diferentes temas relacionados coa gastronomía e a industria vitivinícola.

Inscricións

Para participar no encontro é imprescindible inscribirse, de xeito gratuíto, a través da web www.encontroriominho.eu. Os aforamentos do congreso turístico e do showcooking do día 18 son limitados e destinados a profesionais polo que se aceptarán inscricións ata o límite de prazas. O resto de actividades están orientadas a todo o público pero tamén se recomenda a inscrición.

O proxecto Visit Rio Minho, está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é a capitalización da marca Río Minho a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos asociados á promoción e comunicación do río como destino ecoturístico.

Son socios de Visit Rio Minho a Deputación de Pontevedra (socio principal), a AECT Rio Minho, o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia Norte de Portugal (FCEER), a Universidade de Vigo e os concellos de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença.

Fotos