Noticias

Máis de 350 persoas participarán esta semana en seis excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños da provincia de Pontevedra realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


14 decembro 2017
En Ruta coa Depo

O programa da Deputación de Pontevedra "En ruta coa Depo" organiza para esta semana seis novas saídas que contan coa participación de 366 persoas de seis asociacións da provincia. Estas excursións, que terán lugar entre o venres e o domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Para comezar, o venres 15 de decembro, 53 persoas da Asociación de Viticultores San Martín, de Bueu, farán un percorrido polo conxunto histórico de Salvaterra de Miño, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo e polas pesqueiras do Miño.

Xa no fin de semana, o sábado 16 de decembro haberá dúas excursións nas que participarán 160 persoas da provincia. Por unha banda, 52 usuarios e usuarias da Fundación Deportiva Municipal Illa de Arousa visitarán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home, Cabo Udra e o Museo Massó, e por outra banda, 108 persoas da Asociación de Veciños Calvario, que gozarán dunhas rutas interxeracionais polo Parque da Natureza do Río Barosa, de Barro; o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as fervenzas de Raxoi e Pedrafita, en Valga, e a praia fluvial de Ponte Valga.

Por último, o domingo 17 de decembro, 153 persoas participarán no programa da Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, 53 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Alborada Toedo farán unha ruta temática polo Parque Quiñones de León, parque do Castro e parque botánico do castelo de Soutomaior. 54 persoas da Asociación Cultural Veciñal San Nicolás de Prado, de Ponteareas, farán unha ruta cultural por Cambados e a súa contorna e 46 persoas da Asociación de Veciños A Capela, de Pontevedra, farán a ruta interxeracionais polo Parque da Natureza do Río Barosa, de Barro; o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, de Campo Lameiro; as fervenzas de Raxoi e Pedrafita, en Valga, e a praia fluvial de Ponte Valga.

O programa "En ruta coa Depo" pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.