Noticias

Máis de 350 nenas e nenos do CPR San Fermín de Caldas de Reis coñecen que é a compostaxe nos obradoiros da Deputación

Escolares de Primaria, ESO e ciclos formativos traballarán esta semana sobre xestión de residuos e porán en marcha un composteiro no centro


19 febreiro 2018
CPR San Fermín de Caldas

Máis de 350 rapaces e rapazas de Educación Primaria, ESO e ciclos formativos do CPR San Fermín de Caldas de Reis están a involucrarse coa compostaxe da man do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Varias técnicas e técnicos de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) están a traballar no colexio desde a semana pasada impartindo charlas sobre a necesidade dunha xestión de residuos sustentable e facendo obradoiros lúdicos sobre o proceso da compostaxe. Ademais, esta semana todo o alumnado porá en marcha un composteiro, do que no futuro se encargarán varias ‘ecopatrullas' que terán como obxectivo conseguir o mellor compost posible para despois utilizalo nas zonas verdes do centro.

O venres pasado foron as e os rapaces de 5.º e 6.º de Primaria os que tiveron información moi detallada da compostaxe. Hoxe tocoulles a quenda ás nenas e nenos de entre primeiro e cuarto de Primaria. O alumnado maior, dos ciclos formativos e ESO, aprenderá sobre compostaxe no que queda desta semana, sempre de maneira moi interactiva e adaptada aos diferentes niveis e idades. Ás e aos máis pequenos (1.º e 2.º) destínase xogos entre os que destaca o ‘Xogo da miñoca', unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolven preguntas sobre como acadar un bo compost. Para o ciclo medio (3.º e 4.º de Primaria) está dirixida a charla ‘A voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Finalmente, para os maiores deseñáronse obradoiros baixo o título ‘Quen vive aí?' sobre os bichos que están implicados na compostaxe.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Composteiros comunitarios en Caldas de Reis

A Deputación está a potenciar a compostaxe como sistema de xestión alternativo para o lixo orgánico a través do Plan Revitaliza. Ata o de agora repartíronse composteiros comunitarios entre varios concellos de xeito demostrativo que están a funcionar con éxito, entre eles o Concello de Caldas de Reis, se ben son xa seis municipios os que a partir deste ano cambiarán a súa maneira de xestionar o lixo e destinarán toda a parte orgánica a compostar ( Pontevedra, Vilaboa, O Grove, Mondariz, Mondariz Balneario e As Neves).

En total son 36 os concellos que pretenden aplicar a compostaxe nos vindeiros anos co obxectivo de cumprir a normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50 % do lixo municipal sexa reciclado) e de mellorar o medio ambiente e reducir custos de tratamento e recollida.