Noticias

Máis de 270 persoas participarán esta próxima semana no programa "Depotermal" 2018

Máis de 270 persoas de 9 concellos da provincia desfrutarán desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que este ano beneficia a máis de 4.000 veciñas e veciños


24 novembro 2018
Depotermal

Desde este domingo e ata o próximo venres 30 de novembro, un total de 277 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán gozar dunha nova edición do programa "Depotermal", organizado pola Deputación de Pontevedra.

Máis polo miúdo, na modalidade diúrna, participarán 71 persoas que virán do concello de Soutomaior. O luns 26, as veciñas e os veciños participantes acudirán a gozar dos tratamentos termais no Balneario de Mondariz.

Pola súa banda, esta semana participarán na modalidade con pernoita ata 206 veciñas e veciños que sairán dos concellos de Arbo, Nigrán, Vigo, A Lama, Soutomaior, Pontevedra, Vila de Cruces, Catoira e Moraña. Máis polo miúdo, aloxaranse en réxime de pensión completa, con acceso diario aos circuítos termais, dende este domingo e ata o próximo venres 30, 84 persoas no Gran Talaso de Sanxenxo, 42 no Hotel Louxo La Toja e 80 no Hotel Carlos I Silgar.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

Ao igual que nas anteriores edicións, "Depotermal" 2018 conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a institución provincial financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar deste programa.

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra está dirixida a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1968, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou precisan dun respiro familiar.