Noticias

Máis de 200 persoas participarán esta fin de semana en 4 excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


11 novembro 2017
En ruta coa depo

O programa da Deputación de Pontevedra "En ruta coa Depo" organiza para esta fin de semana catro novas saídas que contan coa participación de 210 persoas da Asociación Cultural Veira do Río de Pontesampaio (Pontevedra), da Casa de Andalucía (Vigo), da Asociación de Mulleres de Cabral Rosalía de Castro (Vigo) e da Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía de Arousa). Estas excursións, que terán lugar este sábado e mañá domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Para comezar, este sábado 11 de novembro teñen lugar as dúas primeiras excursións. Máis polo miúdo, 54 persoas da Asociación Cultural Veira do Río de Pontesampaio (Pontevedra) visitan o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home, Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu. Tamén 45 persoas da Casa de Andalucía de Vigo acudiron ata Silleda onde visitan o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do Toxa e escenarios da serie O final do Camiño.

Pola súa banda, o domingo 12 de novembro haberá outras dúas novas excursións. Nunha delas, 53 persoas da Asociación de Mulleres de Cabral Rosalía de Castro visitarán Cambados, Cidade Europea do Viño, percorrendo o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña de Dozo, o conxunto histórico de Cambados, a bodega do pazo de Fefiñáns con degustación e o Museo Muíño de Mareas da Seca. Tamén 54 persoas da Asociación Cultural Xeada acudirán ata Salvaterra do Miño onde percorrerán o seu conxunto histórico e o parque da Canuda e ata Arbo onde visitarán o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo (Arabo) e as pesqueiras do Miño.

O programa "En ruta coa Depo" pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.