Noticias

Máis de 20.000 persoas gozaron en Bueu do festival SonRías, incluído nos #RíasBaixasFest da Deputación de Pontevedra

Carmela Silva salientou a "enorme acollida" do stand da Deputación a prol da igualdade, onde se informou a preto dun millar de persoas, e da campaña "Somos Sostibles" que repartiu máis de 1.500 ecocabichas


06 agosto 2018
SonRías Baixas

O Festival SonRías Baixas, enmarcado nos  #RíasBaixasFests impulsados pola Deputación de Pontevedra, acolleu en Bueu, a máis de 20.000 persoas, desbordando deste xeito todas as previsións e expectativas. O sábado 4 de agosto foi o día de maior afluencia, con máis de 10.000 persoas que asistiron aos diferentes eventos e concertos, mentres que o venres acudiron máis de 6.500 e o xoves día 2 contabilizáronse algo máis de 4.500 asistentes.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou hoxe a súa satisfacción por estas importantes cifras de asistencia, "xa que supoñen un grande impacto económico positivo para a hostalaría e o comercio de Bueu e de toda a zona, algo que sucede con todos os festivais que se celebran ao longo dos meses de verán en toda a provincia. De aí a necesidade de seguir traballando a prol de iniciativas como os #RíasBaixasFests que, con cada festival que pasa, confírmannos unha vez máis que este é un dos camiños para revitalizar a economía das nosas vilas e pobos".

Ao igual que está sucedendo en todos os eventos incluídos nos #RíasBaixasFests, Silva salientou tamén o grande éxito que tiveron as campañas a prol da igualdade e do respecto ao medio ambiente, postas en marcha pola Deputación de Pontevedra. O stand informativo das campañas de igualdade  "Lembra. Eu decido. Ti respectas" e "Conta comigo. Eu respéctote" atendeu a preto dun milleiro de persoas, das que un 57 % foron mulleres e un 43 % foron homes, sendo a xornada do sábado a de máis repercusión.

O perfil de asistencia neste festival foi algo diferente aos anteriores, xa que aquí houbo menos público familiar, polo que a maioría das persoas atendidas foron mozas e mozos de entre 18 e 26 anos. O persoal técnico do stand da institución provincial destacou que nesta cita do SonRías Baixas quedou de manifesto especialmente a falta de información que teñen os mozos, e non as mozas, en información sobre estas temáticas. Polo tanto, desde o Goberno provincial reitérase máis que nunca a necesidade de iniciativas coma esta para concienciar á poboación máis nova sobre a igualdade e sobre a loita contra a violencia sexista.

De feito, desde este stand de iguladade no SonRías Baixas, repartíronse máis de 600 sombreiros e máis de 3.000 pegatinas cos lemas das dúas campañas de igualdade. Difundíronse ademais arredor de 1.000 trípticos co obxectivo de previr casos de violencia sexual por submisión química e outros 1.000 trípticos para concienciar sobre o que é o consentimento e a importancia de respectar o corpo alleo. As persoas asistentes ao stand participaron tamén activamente na campaña, facéndose fotografías no photocall da institución provincial e compartindo o hastag #eudecidotirespectas.

No SonRías Baixas tamén destaca o éxito da campaña da Deputación a prol da sustentabilidade "Somos historias. Somos Sostibles", pola que se repartiron máis de 1.500 ecocabichas co obxectivo de fomentar o coidado do medio ambiente e o respecto pola contorna.