Noticias

Máis de 1.600 persoas en 22 concellos da provincia participaron nas charlas de "Tempo de Saúde"

A Deputación de Pontevedra organizou esta iniciativa, en colaboración co Colexio Oficial de Médicas e Médicos, para achegar á cidadanía temas cotiáns de saúde


05 decembro 2018
Rolda de prensa de Digna Rivas

O ciclo "Tempo de Saúde", organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Colexio Oficial de Médicas e Médicos de Pontevedra, chegou a máis de 1.600 persoas nun total de 22 concellos da provincia. "Cifras que avalan o noso compromiso coas veciñas e cos veciños de Pontevedra e que ratifican que para este Goberno provincial o prioritario sempre son as persoas", explicou a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, que fixo hoxe balance desta iniciativa posta en marcha este ano por primeira vez. Rivas cualificou como "auténtico éxito esta iniciativa, cuxo obxectivo principal quedou máis que superado e non era outro que concienciar ás veciñas e veciños da provincia en temas de saúde moi habituais que lles afectan ou lles poden afectar directamente. Superamos con creces as nosas expectativas e iso é o que nós queremos, desde a Deputación o importante sempre é traballar para as persoas".

"Tempo de Saúde" consistiu nunha serie de charlas e coloquios en distintos municipios da provincia, impartidas por profesionais médicos especialistas en cada materia. Dirixíronse a tres tipos de público: terceira idade, xuventude, así como a usuarias e usuarios e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria, aínda que todas as accións estaban tamén abertas ao público en xeral, "e o bo é que en todas elas participou moita xente e abriuse un construtivo diálogo e debate entre profesionais e público, que é o que nós queríamos", destacou a deputada.

As accións formativas destinadas á xuventude contaron coa participación duns 1.100 estudantes de 10 centros educativos da provincia. Centráronse en dúas temáticas: "Nutrición e saúde" en Nigrán, O Porriño, A Guarda, Cambados, Lalín e Poio; e "Prevención de enfermidades de transmisión sexual" en Catoira, A Estrada, Redondela e Silleda. Rivas resaltou a importancia destas últimas charlas "moi interesantes para a mocidade para achegarse a unha temática da que cren ter moita información, pero os datos e as estatísticas estannos alarmando de que non é así en absoluto".

As charlas para a terceira idade chegaron a preto de 600 persoas de 8 concellos da provincia. Trataron tamén dúas temáticas: "Trastornos depresivos e ansiedade" en Ribadumia, Tomiño, Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade e A Illa de Arousa; "Hospitalización a domicilio e telemedicina" en Ponteareas, O Grove e Marín.

Grazas á colaboración do Colexio Oficial de Médicas e Médicos de Pontevedra, cada iniciativa contou coa presenza dun profesional médico especializado nas distintas temáticas, procurando sempre que fosen doutoras e doutores da zona onde se desenvolveu a charla, "buscando así a proximidade entre as persoas asistentes e as e os profesionais, propiciando un clima axeitado para o diálogo e o debate", sinalou a deputada. En total, participaron 13 profesionais da medicina con avalada traxectoria profesional en cadansúa área médica.

"Tempo de Saúde" pecharase a próxima semana con dúas charlas en Vigo e en Pontevedra, dirixidas sobre todo a persoas usuarias e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria da provincia. Desenvolveranse tamén outros dous relatorios en Cuntis e en Salceda de Caselas, que non puideron ter lugar en datas anteriores.

"Enfermidades raras e neurodexenerativas" será o tema a tratar en Vigo o próximo martes, 11 de decembro, no salón de actos do edificio do Antigo Reitorado. Participarán o doutor Alberto José Rivera Gallego, do Servizo de Medicina Interna do CHUVI e Carmen López Rodríguez, especialista en Psicoloxía Clínica e directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, "unha auténtica referente na actualidade en canto a enfermidades raras". A deputada provincial salientou ademais que esta acción versará sobre unha temática non tratada en ningunha outra charla, "xa que é un tema de moito interese e moi demandado polas familias".

En Pontevedra falarase de "Trastornos depresivos e ansiedade" o xoves, 13 de decembro, no salón de actos do Museo de Pontevedra. No relatorio estarán a profesora de Psicoloxía Médica e Neuropsicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Alejandra Vallejo-Nágera, e o actual xefe do Servizo de Psiquiatría do CHOP, Alfonso Casas Losada. Estas dúas últimas accións que pecharán o ciclo "Tempo de Saúde" diríxense especialmente ás entidades de iniciativa social, pero como todas as demais estarán abertas ao público en xeral.